- O alcalde e o director territorial de Educación encargáronse, esta tarde, de inaugurar as xornadas
- “As expectativas que tiñamos fai 25 anos coa construción deste instituto estanse vendo superadas”, destacou Bello Maneiro
Valga, 6 de xuño de 2025.
O IES de Valga está a acoller a XXIII edición do Congreso de Enfamec (asociación de profesores da familia de Fabricación Mecánica), que reúne a máis dun cento de mestres desta rama da formación profesional que participan en visitas a empresas, relatorios e outras actividades. Este encontro da comunidade docente contribúe, ademais, a fortalecer a colaboración entre distintos centros educativos e fomenta as novas metodoloxías educativas.
O acto inaugural tivo lugar esta tarde, coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e do director territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares. Tamén participaron o secretario de Enfamec, Rolando Breijo, e o director do IES, Eliseu Mera, que salientou a “importancia” da Formación Profesional e a súa “eficacia” como vía de inserción laboral ao formar a profesionais cunha alta cualificación. A FP implantouse no IES de Valga no curso 2000-2001, cando se impartiron por vez primeira FP básica e o ciclo de Soldadura. Dende entón a oferta non fixo máis que medrar e, “nos últimos cinco anos esta dirección fixo unha aposta decidida e incorporamos un ciclo medio de Mantemento, o superior de Mecatrónica e un básico un medio de Agraria”. Eliseu Mera anunciou que no vindeiro curso impartirase, ademais, un curso de especialización de Dixitalización do mantemento industrial, que sería “o equivalente a un master” na FP.
O director reflexionou, ademais, sobre a función social da FP: “Os ciclos básicos son unha das medidas sociais máis potentes coas que conta o ensino, xa que libra da exclusión a un bo número de alumnos que, doutro xeito, acabaría sen ningunha titulación”.
O alcalde tamén quixo poñer en valor o labor desenvolvido no IES de Valga ao longo dos seus 25 anos de historia, que se cumpren neste curso, xa que os resultados “superaron todas as expectativas que tiñamos cando se iniciou este proxecto educativo”. O representante da Consellería de Educación, pola súa parte, referiuse á “revolución” que supuxo a FP na ensinanza galega e cifrou a inserción laboral arredor do 90%, que aumenta ata case o 100% no caso da FP Dual.
O programa do congreso inclúe ata nove relatorios, entre eles o de Carles Martínez, chegado dende Cataluña para presentar, da man de Solter, as últimas novidades lanzadas ao mercado no campo da soldadura. Tamén se abordarán cuestións coma o uso da realidade aumentada na soldadura ou a aplicación da intelixencia artificial nos proceso de soldeo.