- O rexedor estivo acompañado na xuntanza pola segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez
- Tamén abordaron alternativas para ampliar o solo de núcleo rural, unha demanda veciñal recorrente
Valga, 6 de xuño de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez mantiveron onte un encontro de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar actuacións en materia de urbanismo e infraestruturas de interese para Valga.
Entre os asuntos que trataron na xuntanza, algúns relacionados coa mobilidade como a solicitude, por parte dos representantes do Concello, de que se proceda ao asfaltado do tramo da estrada PO-548 que discorre por Valga e Pontecesures, así como a redacción dun proxecto de mellora da seguridade viaria neste treito.
Tamén en relación con esta vía autonómica, a Consellería vai a executar melloras na conexión entre a estrada municipal existente á altura de Beiro e a PO-548 mediante a construción dun carril para facilitar a incorporación de vehículos con seguridade, especialmente tendo en conta que este enlace é empregado por autobuses que realizan traxectos interurbanos.
Outra parte da reunión centrouse nas sendas peonís. Por unha parte, a solicitude de financiamento para a construción dun sendeiro que dea acceso á zona das telleiras de Vilar. E, por outra, a necesidade de dotar de iluminación á senda que conecta a estada PO-548, dende o lugar do Forno, coa zona da igrexa parroquial, colexio Ferro Couselo e pavillón polideportivo; unha actuación que quedou pendente cando se executou o proxecto, por parte tamén da Xunta de Galicia.
Por último, en materia de urbanismo, estanse a valorar alternativas para dar solución á demanda existente de ampliación do solo de núcleo rural.