- Instaláronse tres tramos diferentes nas inmediacións da rúa do cuartel e fronte ao Concello
- Deste xeito refórzase a seguridade para os peóns, evitando posibles caídas
Valga, 6 de xuño de 2025.
O acondicionamento das beirarrúas executado durante os últimos meses na marxe dereita da Avenida da Coruña, vén de completarse nos últimos días coa colocación de varandas de seguridade naqueles puntos nos que o pronunciado desnivel entre a senda peonil e os terreos lindeiros representaba un risco para os camiñantes.
A empresa Monte Merlín, de Agolada, encargouse de executar os traballos de instalación de tres tramos de varanda de ferro galvanizado. Dous deles, de 30 e 20 metros de lonxitude cada un, localízanse nas inmediacións da rúa do cuartel. Fronte á Casa do Concello colocouse unha terceira varanda máis curta, de catro metros.
Deste xeito vese reforzada a seguridade nestas zonas, evitando posibles caídas por parte dos usuarios
Esta actuación forma parte do proxecto de renovación de servizos no tramo urbano da estrada N-550. Ademais das beirarrúas, renováronse as redes de abastecemento e recollida de augas pluviais, soterrouse o cableado eléctrico e telefónico, instaláronse lámpadas LED, mellorouse a accesibilidade, reforzouse a sinalización da estrada e pintáronse prazas de estacionamento. O investimento foi de 464.248’50 euros, cofinanciados entre Augas de Galicia, a Deputación e o Concello.