- A obra do antropólogo portugués foi a gañadora da XXV edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, que se fallou en 2024
- Con iniciativas coma este premio “queremos contribuír á cultura galega dende Valga e con humildade”, salientou o alcalde
Valga, 3 de xuño de 2025.
“Galiza S.A. Antropoloxía dos discursos sobre as identidades galegas”, a obra gañadora da XXV edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, presentouse esta mañá no Museo da Historia, nun acto que contou coa presenza do autor, Xerardo Pereiro. Acompañárono o alcalde, José María Bello Maneiro, e o técnico municipal
Santiago Chenlo. No libro analízanse os discursos, relatos, representacións e interpretacións eruditas, intelectuais e populares sobre a identidade galega, tendo en conta cuestións coma a instrumentalización da cuestión identitaria, a súa mercantilización ou a influencia da globalización. “Quen somos, como nos vemos, como somos vistos, como nos representan e representamos, pero tamén cales poden ser os futuribles da identidade colectiva galega nun mundo global como o de hoxe”, son cuestións que se tratan neste estudo, explica o autor no limiar.
O antropólogo portugués explicou que esta investigación, na que traballou durante case catro anos, comezou a xestarse varias décadas antes, cando lle formularon unha pregunta: Que aportaron a cultura galega e Galicia ao mundo? Dar resposta a esa cuestión foi a motivación de Xerardo Pereiro para escribir este libro que “reflexa diferentes perspectivas da identidade galega e como representala”. Ao longo dos diferentes capítulos abórdanse temas coma os vellos e novos mitos da identidade galega e tamén a súa relación coas identidades española ou portuguesa.
A obra ofrece unha visión dende o século XIX ao XIX, abarcando a evolución da identidade galega dende Manuel Murguía ou a Xeración Nos ata a globalización capitalista, na que a identidade se ten convertido nunha ferramenta mercantil máis a través de campañas como “Vivamos como galegos”. Nos diferentes capítulos trátanse asuntos coma o que Xerardo Pereiro denomina “a identidade bipolar galega” e que define coma “esa tensión que temos entre ser galegos, españois ou o amor platónico a Portugal”; a cultura galega como dereito; ou como as novas ferramentas dixitais están redefinindo as identidades galegas. En relación a isto último, “nun dos capítulos dedícome a analizar como, a través das novas plataformas de ligue, é visto o galego ou alguén que fala galego”.
Xerardo Pereiro transmitiu o “orgullo” que lle supón o Premio Ferro Couselo, do que dixo que goza “de moito prestixio no ámbito das ciencias sociais e humanidades e que nos últimos 25 anos ten contribuído a estimular as investigacións sobre Valga e Galicia e o coñecemento da cultura e da historia autonómica e local”.
O alcalde felicitou ao autor polo seu traballo e ademais, quixo reivindicar a figura de Xesús Ferro Couselo como “importantísima para a cultura galega, como precursor da constitución da Real Academia Galega ou impulsar do Día das Letras Galegas”. Ademais, salientou, “dende Valga e con humildade tratamos de contribuír á cultura galega a través de proxectos coma este premio e dos nosos persoeiros, non só Ferro Couselo, senón tamén outros como o Padre Isorna”. Neste sentido, Santiago Chenlo afirmou que ambos “estarían orgullosos de que esta obra se presente aquí, en Valga”.
Entre o público asistente ao acto de presentación atopábase Lois Ladra, director do Museo do Pobo Galego e que, no seu día, foi tamén galardoado co Premio Ferro Couselo.