- A actuación da Banda de Valga pode saírlle de balde ás comisións coas axudas municipais e da Deputación
- Representantes dos colectivos organizadores asitiron onte a unha xuntanza na Casa Consistorial
Valga, 3 de xuño de 2025.
Representantes de comisións de festas de Valga déronse cita onte á tardiña na Casa do Concello, convocados polo goberno municipal e a directiva da Banda de Música Municipal co obxectivo de informarlles sobre as novas condicións, máis vantaxosas para os organizadores, para contratar á Banda. Coas axudas que conceden Concello e Deputación, a actuación da agrupación municipal poderá saírlle de balde ás comisións.
O Concello, explicou o alcalde, mantén as mesmas subvencións que viña outorgando ata agora: 300 euros pola organización da festa e outros 300 se se contrata á Banda de Valga. A novidade chega de parte da propia agrupación, que rebaixará o seu prezo de contratación para as comisións valguesas. Deste xeito, contando cos 800 euros que poden obter da Deputación a través do programa Culturea ecoa aportación do concello, a actuación da Banda Municipal non lles suporía ningún gasto.
Esta medida xa está en vigor, polo que pode iniciarse a tramitación de solicitudes. “Pensamos que é unha medida positiva para as comisións de festas e tamén para os nenos e músicos da Banda, que poderán ter máis actuacións e iso redundará na súa formación”, indicou o alcalde, José María Bello Maneiro. O rexedor expresou o seu desexo de que “a nosa Banda e os nosos músicos estean en todas as festas que se celebren en Valga. É fermoso velos tocando nas diferentes parroquias e, ademais, contratalos é un xeito de contribuír ao mantemento da Escola de Música”.