Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os cativos percorreron o tramo entre albergue do Pino e San Miguel, convivindo cos auténticos peregrinos

- Durante a semana seguirán traballando esta temática a través dun contacontos do programa “Vexo veo, Xacobeo”

CRACaminho1

Valga, 2 de xuño de 2025.
Os nenos do CRA de Valga vestíronse esta mañá cos seus chalecos reflectores e viseiras coa cuncha do peregrino e botáronse a percorrer o Camiño de Santiago para coñecer a historia e o que significa esta ruta para Galicia e tamén o que representa para Valga, por onde pasan ata tres variantes: o Camiño Portugués, o Portugués pola Costa e a ruta fluvial do Mar de Arousa e Ulla, a coñecida como “Traslatio”.

Os cativos do CRA elixiron o tramo entre O Pino e San Miguel para gozar co contacto pleno coa natureza. A camiñada partiu do albergue, cunha visita ás súas instalacións para coñecer o lugar no que descansan os auténticos peregrinos. O percorrido tivo unha primeira parada na área de descanso de Chenlo, onde aproveitaron para refrescarse e beber auga, e despois continuaron a pé ata a igrexa de San Miguel.

Alí merendaron e tamén cumpriron con algunha das tradicións dos peregrinos, coma o selado das súas credencias, para que quede constancia da etapa que completaron. Ademais, tamén selaron os seus pasaportes, posto que durante este curso traballaron co proxecto “CRAmiñando polo mundo”, aprendendo as características, tradicións e culturas de diferentes países.

Durante o traxecto, os pequenos camiñantes cruzáronse con innumerables peregrinos en dirección a Santiago, aos que saudaron e lles cantaron cancións. Tamén xogaron a adiviñar cal era a súa procedencia, algo que se está a poñer cada vez máis difícil xa que cada ano son máis variadas as nacionalidades das persoas que se deixan atrapar pola experiencia do Camiño de Santiago.

Unha vez completado o tramo entre O Pino e San Miguel, cun clima fresco que axudou a que os nenos o levaran de marabilla, chegou o momento dos xogos no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Esta actividade, de aproximación e coñecemento do Camiño, realízaa o CRA anualmente da man do proxecto da Xunta de Galicia “Vexo veo, Xacobeo”. Ademais, durante o que resta de semana, as diferentes escolas irán recibindo un contacontos centrado tamén na Ruta a Santiago.

CRACaminho2     CRACaminho3

Volver