- Os traballos realizáronse en horario nocturno para non afectar ao tráfico ferroviario, xa que foi preciso cortar a vía
- O viaduto, de 59 metros de longo, substituirá ao paso a nivel existente na zona
Valga, 2 de xuño de 2025.
A estrutura da ponte que permitirá cruzar de xeito seguro a vía do tren no lugar de Castiñeiras está xa practicamente completa, despois de que na última semana a empresa adxudicataria executara os traballos de instalación das diferentes pezas prefabricadas que forman o taboleiro, principalmente vigas e prelousas. Estas tarefas desenvolvéronse en horario nocturno para non afectar ao tráfico ferroviario, posto que resultaba imprescindible cortar a vía para poder levalas a cabo.
Coa axuda de grúas, o pasado luns comezou a montaxe do primeiro vano da ponte, con seis vigas. O martes procedeuse á colocación do vano central e o mércores, instalouse o último tramo de vigas. As xornadas do xoves e do venres dedicáronse á colocación das prelousas, que serven de encofrado para o forxado que posteriormente se formigonará.
Esta ponte ten 59 metros de lonxitude, un gálibo vertical de 7 metros e está formada por tres vanos: un central de 21 metros e dous laterais de 19. Substituirá ao paso a nivel existente á altura do lugar de Castiñeiras, que segue operativo durante a execución das obras e está dotado de pavimento de caucho, sinalización luminosa e semibarreiras automáticas.
En vindeiras semanas están previstos novos cortes nocturnos na vía para aplicar o formigón no taboleiro e continuar, deste xeito, avanzando na construción da ponte, que terá dous carrís de circulación de tres metros de ancho cada un e beiravías de 0’50 metros. Adosadas a estas, senllas bandas de 1’80 metros nas que se instalarán un muro de protección, as beirarrúas, unha varanda e a valla antivandálica.
O investimento total nestas obras aproxímase aos catro millóns de euros, dos que o Concello aporta máis de 219.000 euros e a cantidade restante é financiada polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), do Ministerio de Transportes.
Ademais da ponte, o proxecto inclúe a continuación das estradas paralelas á vía do tren na marxe esquerda en dirección a Santiago, para manter a permeabilidade nas comunicacións e mellorar a seguridade. Están proxectados dous tramos de estradas entre os lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. A lonxitude total será de 1’7 quilómetros.