Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta ruta, de arredor de 400 quilómetros, enlaza os santuarios de devoción mariana entre Braga e Muxía

- Concellos e outras entidades involucradas na creación da vía, están a traballar na súa promoción e divulgación

PeregrinosViaMariana1

Valga, 1 de xuño de 2025.
A contorna da capela de San Mamede dos Martores recibiu esta mañá a un grupo de arredor de 100 peregrinos que están a percorrer a pé a Vía Mariana luso-galaica. Alí agardábaos a concelleira de Turismo, Malena Isorna, que lles deu a benvida a Valga, a onde chegaron procedentes de Cuntis. Entre os camiñantes atopábanse o alcalde de Moraña, José Luis Gómez, e tamén Luis do Freixo, un dos promotores desta ruta. Aos pés ta capela, a concelleira e o propio do Freixo explicaron as peculiaridades deste lugar, que segundo algúns autores sería o lugar de enterramento do herexe Prisciliano, e a súa importancia no marco da Vía Mariana.

A próxima etapa, prevista para o 22 de xuño, partirá tamén de territorio valgués, concretamente dende Casaldeirigo, pasando pola capela da Saúde, as fervenzas e, de novo, Martores para continuar despois cara a Padrón. Despois dun descanso estival, a ruta reanudarase en setembro camiño de Brión e, tendo como destino final, Muxía. En 2026 e 2027 completarán a segunda fase do reto, entre Braga e Moraña, pechando así esta experiencia.

A peregrinación iniciouse o pasado 18 de maio por iniciativa da Asociación de Mulleres Rurais de Moraña e co obxectivo de completar os arredor de 400 quilómetros desta vía, que discorre entre Braga e Muxía e que une os santuarios de devoción mariana de Galicia e do Norte de Portugal. É unha acción máis, respaldada pola Asociación Vía Mariana luso-galaica, para promocionar este camiño no que comezou a traballarse aló polo ano 2018. “Pero a pandemia cortouno todo e, trala crise da Covid, tivemos que empezar practicamente de cero. Por iso, o inicio real podemos situalo en 2023”, explica María José Silva, presidenta da asociación, da que forman parte os diferentes concellos polos que transcorre a ruta, entre eles Valga.

Actualmente hai entregadas arredor de 1.200 credenciais, que deben selarse en cada etapa, e unhas 300 Marianas, o diploma oficial que acredita que se teñen completado os 18 tramos que forman parte da ruta.

“A Vía Mariana reivindícase coma unha unión de espiritualidade e cultura e coma unha afirmación do rural, con etapas moi fermosas que discorren por plena natureza”, destaca a María José Silva. Está, ademais, considerado coma o camiño feminino, ao conectar santuarios nos que se venera á Virxe María.

Valga, ao igual que o resto de concellos, está a traballar pola difusión da ruta e proximamente procederase á sinalización do treito que discorre polo termo municipal.

PeregrinosViaMariana2 PeregrinosViaMariana3

Volver