- Máis de medio cento de mulleres foron recoñecidas nun acto que tivo lugar onte no Auditorio Municipal
- O alcalde agradeceulles “todo o que fixeron pola nosa cultura” e animou ás máis novas a manter viva a tradición
Valga, 31 de maio de 2025.
O Concello de Valga rendeu onte homenaxe a máis de medio cento de cantareiras e pandereteiras do municipio, mulleres que contribuíron a transmitir a poesía popular oral e a preservar a cultura popular galega a través de cantigas, música e bailes. A elas, as cantareiras, estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas, unha celebración que, tal e como se lembrou no acto celebrado no Auditorio, tamén ten raigame valguesa, xa que Xesús Ferro Couselo foi un dos intelectuais que propuxo a súa instauración no ano 1963 co obxectivo de promover e dignificar a lingua e a cultura galegas e recoñecer aos escritores e autores que as impulsan.
As cantareiras son un exemplo. As súas voces foron, historicamente, portadoras da cultura popular, transmitindo historias e emocións a través da súa música e cancións que nos conectan coas nosas raíces e que contribúen a preservar a identidade galega. E, case sempre, botando man dun instrumento emblemático da música folclórica de Galicia: a pandeireta.
As actuacións de cantareiras e pandereteiras eran elemento central na vida social, en festas e celebracións, pero tamén despois de longas e duras xornadas de traballo. Tiñan un papel destacado en eventos coma festas populares, romarías e casamentos. En Valga existiron varios grupos que deixaron un forte recordo. Reuníanse para cantar na sementeira, a malla ou a matanza do porco, en celebracións populares das distintas aldeas e en actividades organizadas polo Concello e outras entidades. E a elas, como símbolo da voz feminina na música tradicional, se dirixiu a homenaxe de onte.
Entre as homenaxeadas, algunhas xa falecidas. Outras dúas moi especiais, veciñas centenarias do noso concello: Maruja Tarrío e Nela de Catalina. Xunto a elas:
- Herminia do Forno
- Emilia de Casaldeirigo
- Clara a Caldeireira
- María do Campo
- Alcira do Campo
- Olguita de Satiro
- Nela do Perrujo
- Milagros do Sabelo
- Carmucha a de Devesa
- María do Quinteiro
- Rosa do Quinteiro
- Lola do Quinteiro
- Esther do Piloto
- Dolores da Pena
- Dina do Casadiño
- Rosa de Lema
- Maruja de Pena
- Manuela a do Rubio
- Asunción do Noario
- Elena do Noario
- Mati da Palma
- Isabel de San Miguel
- Isabelita de San Miguel
- Dolores de Casaldeirigo
- Lupe de Vilar
- Finita a do Roeiro
- Tina de Campaña
- Lola de Carril
- Carmen de Xanza
- Mercedes a Chilena
- María Esther de Senín
- Herminia a do Cajelo
- Ermitas Devesa
- Belarmina dos Vilares
- Conchi Freiría
- Marité da Patusca
- Esther de Fuchí
- Erundina Martínez
- Rosa de Curros
- Carmen de Xamardo
- Manuela de Silva
- Manuela de Emilia
- María de Emilia
- Lucía de Bálbora
- Maruja de Lola
- Victoria da Pena
- Lidia Gallas
- Paula de Casal
- Montse Sanmarco
- Anabel Sanmarco
- Raquel do Sesteiro
- Andrea Grela
- Paula Grela
Elas e outras moitas ás que representan realizaron un importantísimo labor de conservación e divulgación da tradición oral popular, contribuíndo a que chegara viva a ata hoxe. Neste sentido se pronunciou o alcalde, José María Bello Maneiro, que lles agradeceu “todo o que fixeron pola nosa cultura” e animou ás máis novas a continuar coa tradición”.
Durante o acto actuaron as pandereteiras de Casaldeirigo, Lidia Gallas, Montse e Anabel Sanmarco, Isabel de San Miguel, Lupe e Dolores. Ademais, tamén contribuíu ao apartado musical a frautista do CSM Valeria Miranda Bonzano.