Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira de Educación participaron esta mañá no acto conmemorativo do 50 aniversario

- “Os profesores tivemos que traer escobas e fregonas para limpar as aulas e poder iniciar as clases”, lembrou o primeiro director

50AnosColeBaño1

Valga, 30 de maio de 2025.

Ano 1975. Unha barra de pan custaba 10 pesetas e para mercar un Seat 127 facían falta 166.290 (aproximadamente 1.000 euros actuais). Na radio soaban “A veces tú, a veces yo” de Julio Iglesias, “Que dile y dile” de Isabel Pantoja ou a versión de “Adiós ríos, adiós fontes” de Amancio Prada. Neste ano naceron David Beckham e Enrique Iglesias, estreáronse películas coma “El Conde de Montecristo” e brillaban deportistas coma o tenista Manuel Orantes ou o futbolista Pelé. Pero a noticia que marcou, en España, este 1975 produciuse o 20 de novembro: a morte de Franco.

Todas estas efemérides, entre outras, recóllense no panel creado polo alumnado de 6º de Primaria do CEIP Baño-Xanza e que hoxe se exhibiu durante os actos de 50 aniversario do centro. Porque en 1975 inaugurouse tamén este colexio. Daniel Barreiro, ex alcalde de Valga e primeiro director do centro, lembrou como foron aqueles momentos iniciais: “O construtor non quería entregar a obra e os mestres decidimos poñernos en folga”, co que iso significaba en pleno franquismo. “Foi un momento de unidade e forza no que demostramos que xuntos se poden superar todos os obstáculos”.

Pero as anécdotas e atrancos non quedaron aí. O propio profesorado tivo que “traer escobas e fregonas da casa para limpar as aulas e poder iniciar as clases” e, por se fora pouco, “o primeiro día choveu moitísimo e entrou a auga porque o tellado estaba posto ao revés”. Tivo que ser o conserxe Benedicto o que arranxara a desfeita, recordou o exdirector, para o que o colexio de Baño representa “un lugar no que non só se aprende coa cabeza, senón tamén co corazón”.

O actual rexedor, José María Bello Maneiro, incidiu en que todos os veciños “Debemos estar orgullosos e presumir de ser de Valga, pero tamén de poder formarnos en Valga”, lembrando que antes de entrar en funcionamento este colexio os rapaces estaban diseminados en escolas nas diferentes parroquias. Naqueles primeiros anos a matrícula chegou a superar os 800 alumnos, agora aproximadamente a metade.

No acto tamén participaron o director xeral de Centros da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo; a concelleira de Educación, Carmen Gómez; o inspector da zona, José Romarís; a presidenta da ANPA, Pilar López; e directores dos demais centros educativos valgueses. A eles sumouse toda a comunidade educativa: alumnos, exalumnos, familias, profesorado e actual equipo directivo do colexio, encabezado por Eva Zumalave.

En representación dos exalumnos interviu Pedro Calvo, concelleiro de Cultura, que fixo un repaso polos momentos vividos entre as paredes deste centro, contou anécdotas con compañeiros e mestres e amosouse “orgulloso” de terse formado “na educación pública”.

A celebración incluíu actuacións do alumnado, que xunto á profesora de música, interpretou unha canción composta para a ocasión. Ademais, inaugurouse un xardín acondicionado polo alumnado dos ciclos de FP de Agroxardinaría do IES de Valga e descubriuse unha escultura realizada polos estudantes de Soldadura do mesmo centro, na que dous cativos xogan cunha pomba de cores.

50AnosColeBaño2 50AnosColeBaño3

Volver