- Os participantes poderán adquirir coñecementos básicos para manexar a súa economía persoal e ferramentas para protexerse ante os fraudes
- As inscricións poden realizarse no Auditorio Municipal (teléfono 986 55 67 69)
Valga, 30 de maio de 2025.
A Aula CeMIT repite a actividade “Finanzas para todos”, impartida por persoal da sucursal do Banco de España en Galicia, e que nas últimas convocatorias contou cunha notable participación, xa que ofrece coñecementos básicos para manexar as finanzas persoais de forma responsable, consellos para unha mellor administración e para o aforro e ferramentas para protexerse ante posibles fraudes.
O curso engloba tres sesións fixadas para os días 4, 11 e 18 de xuño en horario de mañá (de 10:00 a 12:30 horas).
A primeira xornada centrarase en analizar a saúde financeira dos participantes, falarase sobre a inflación e como afecta é economía doméstica e explicaranse unha serie de trucos para planificar as finanzas persoais en tempos de incerteza.
Na sesión do día 11, os expertos do Banco de España ofrecerán consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pago. Tamén se tratarán opcións de financiamento de compras, así coma a sinatura ou renegociación de hipotecas.
Na última data, o 18 de xuño, a temática xirará sobre a banca e o comercio electrónico. Será nesta sesión cando se trate unha das cuestións que máis preocupa aos usuarios: como protexerse fronte á ciberdelincuencia e o fraude nas operacións financeiras cotiás.
As inscricións, que se realizan conxuntamente para as tres datas, poden facerse na Aula CeMIT do Auditorio (986 55 67 69). O número de prazas é de vinte.
Este curso terá en outubro unha segunda parte con outras tres sesións nas que se abordarán:
- Billetes, moedas e inflación: Aprende a distinguir billetes e moedas lexítimos, deteriorados ou falsos; dereitos en operación de efectivo; nocións básicas para entender a inflación e o seu impacto sobre as decisións que tomamos no día a día.
- Pagos, financiamentos e o portal do cliente do Banco de España: Que debes saber e como comparar á hora de pagar e endebedarte; recursos, ferramentas e simuladores que ofrece o Bando de España.
- Finanzas persoais e protección activa fronte á fraude: Consellos e ferramentas para a elaboración dun orzamento financeiro persoal e consellos de protección fronte á fraude.