- O espectáculo terá lugar o domingo 15 de xuño pola tarde, con entrada de balde
- O grupo infantil da Escola contou esta tempada con novas incorporacións, chegando aos 22 membros
Valga, 29 de maio de 2025.
A Escola Municipal de Teatro está a piques de pechar un novo curso e farao, como de costume, coa representación de varias obras no Auditorio Municipal, levando así a escena todo o aprendido dende que, no pasado outono, deu comezo esta tempada.
O espectáculo terá lugar o vindeiro 15 de xuño a partir das 19:00 horas, con entrada de balde para todo o público que queira asistir. Actuarán tanto os grupos infantís e xuvenil da Escola coma os adultos, que porán en escena tres representacións nas que as risas están aseguradas, pero nas que tamén se traballan os valores, especialmente cos máis cativos.
As obras que protagonizarán estes actores e actrices afeccionados son:
FABIOLA: No corazón da sabana vive Fabiola, a xirafa máis alta de todas as xirafas que ve o mundo dun xeito diferente. Unha historia de amizade e aprendizaxe sobre a importancia da comprensión e o valor da cooperación.
POLOS PELOS: No fondo do bosque, onde as tesoiras cortan soas e os secadores falan, tres bruxas moi peculiares —Rula, Mecha e Escuma— rexentan unha perrucaría máxica con moito pelo... e moito conto. Pero esta non é unha tarde calquera: é Samaín, e os clientes que chegan non veñen por un simple peiteado. Unha comedia terrorífica, onde nada é o que parece, que che fará rir, arrepiar e —quen sabe— mirar con outros ollos aos monstros de sempre.
PATIO DE LUCES: Comedia de portas que se abren, se pechan e se atrancan amosando a vida en todo o seu esplendor. Neste edificio nada escapa á mirada atenta de Lourdes, a porteira, que ten máis informes que o Concello. Aquí as escaleiras teñen oídos, as paredes contan chismes e as luces do patio acenden historias. Atréveste a entrar?
Iria Acevedo Pérez é a mestra da Escola Municipal e deste curso que está a piques de rematar destaca as numerosas incorporacións que se produciron no grupo infantil, especialmente con nenos moi cativos de arredor de 3 anos de idade, que traballaron con outros mozos de ata 12 anos. “Produciuse un efecto chamada e contamos con moitos pequerrechiños” con moitas gañas de aprender, conta a mestra. De feito, “nunca queren que acaben as clases”, que chegan ás dúas horas de duración.
Con este grupo infantil a metodoloxía de traballo esta baseada no xogo, a través dos que adquiren conceptos teatrais, traballan a improvisación e incluso crean as súas propias obras.