Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os planos iniciais quedarán expostos no local social de Vilares e na Casa do Concello

- Os propietarios deben agora identificar as súas parcelas e realizar a declaración de propiedade

ParcelariaSM1

Valga, 28 de maio de 2025.

Veciños e propietarios de terreos nos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi, que forman parte do proxecto de reestruturación parcelaria da parroquia de San Miguel, asistiron esta mañá a unha xuntanza na Casa da Cultura para informarlles sobre o avance do proceso. Participaron representantes da Consellería do Medio Rural –entre eles o director territorial, Antonio Crespo, e a xefa do servizo de Infraestruturas Agrarias, María José Pérez–, o alcalde, José María Bello Maneiro, e persoal da empresa Enseros, contratada para a realización dos traballos.

Durante os últimos meses a empresa, coa colaboración dos veciños, realizou o levantamento dos planos iniciais, traballando sobre o terreo na localización dos marcos das parcelas, na fixación de lindes e na localización de elementos coma pozos, mananciais, muíños... Estes planos quedarán expostos no local social de Vilares e tamén no Concello para que os propietarios poidan identificar as súas fincas ou detectar posibles erros.

Outra opción para consultalos é a través da páxina web da Consellería do Medio Rural, na ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos, onde debe seleccionarse o apartado “Publicacións” e, a continuación, introducir os datos de Valga no buscador.

Ábrese, deste xeito, unha nova fase: a de elaboración das bases da reestruturación parcelaria. O obxectivo é determinar de quen son as parcelas, definir a súa superficie e clasificalas. Persoal da empresa Enseros recibirá aos propietarios no local social de Vilares para que acudan a identificar as súas fincas e realizar a declaración de propiedade, para o que deberán levar toda a documentación da que dispoñan e o seu DNI. O horario de atención durante a vindeira semana será o seguinte:

  • Martes, 3 de xuño: de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00 horas
  • Mércores, 4 de xuño: de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00 horas
  • Xoves, 5 de xuño: de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00 horas
  • Venres, 6 de xuño: de 10:00 a 13:00 horas

A xefa de servizo incidiu na importancia desta fase, xa que as bases marcarán o desenvolvemento de todo o proceso e resulta fundamental que os planos, que aínda poden corrixirse, sexan o máis fieis posibles á realidade do terreo. “Estes serán os cimentos da parcelaria”, sinalou María José Pérez.

Dentro desta mesma fase tamén está prevista a clasificación de terras, que será clave para o intercambio final das parcelas. A valoración realizarase in situ, sobre o terreo, e en función da produción das fincas.

Posteriormente realizaranse un plan de usos do solo e trazarase a nova rede de camiños, na que se intentarán respectar ao máximo posible as pistas xa existentes, mellorándoas para favorecer a mobilidade na zona.

ParcelariaSM2 ParcelariaSM3

 

Volver