Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O investimento ascende a 110.897 euros, que se financian cunha subvención da Deputación Provincial

- Nos últimos meses xa se actuou sobre a cuberta e o sistema de climatización e colocouse unha nova pista de linóleo

ObraPavillónDeportivoBaño1

Valga, 23 de maio de 2025.

O acondicionamento do pavillón polideportivo de Baño entra nunha nova fase co inicio dun novo paquete de obras que recentemente foron adxudicadas á empresa valguesa Instalaciones Nurmel e que suporán un investimento de 110.897’36 euros.

O financiamento para estas obras provén dunha subvención do Plan Extraordinario de Infraestruturas deportivas da Deputación Provincial.

As actuacións a desenvolver inclúen traballos de fontanería coma a renovación dos aparellos sanitarios nos aseos do recinto municipal, tanto nos destinados aos deportistas na zona de vestiarios coma aos empregados polo público e que se atopan nas bancadas. Ademais, tamén se está a cambiar as correspondentes tubaxes.

O proxecto inclúe tamén a substitución de parte da carpintería exterior do pavillón, que se atopa deteriorada, así coma o recubrimento da fachada con paneis sandwich. Por último, mellorarase a drenaxe para a recollida de augas pluviais.

Este recinto deportivo, que está a piques de cumprir trinta anos de antigüidade, conta cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados, repartidos entre a pista polideportiva, os vestiarios, aseos e gradas. Son numerosas as actividades, tanto federadas coma non federadas que se realizan, promovidas tanto polo Concello coma por clubs, centros educativos e outros colectivos. Fútbol sala, baloncesto, tenis, patinaxe ou judo son algunhas das disciplinas que se practican neste pavillón.

Co obxectivo de manter a calidade das instalacións e potenciar a realización de actividades deportivas por parte dos veciños, o Concello puxo en marcha dende fai meses un plan de renovación, por fases. Na segunda metade do pasado ano colocouse unha nova cuberta na zona de vestiarios e mellorouse o sistema de climatización dotándoo dunha bomba de calor aerotérmica para calefacción e auga quente.  E recentemente instalouse unha nova pista para a práctica deportiva, de linóleo acústico con tratamento antiestático.

Nestas dúas actuacións investíronse máis de 108.000 euros.

ObraPavillónDeportivoBaño2 ObraPavillónDeportivoBaño3

Volver