Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A asistencia é gratuíta pero é imprescindible recoller a entrada no Concello ou no Auditorio, tendo preferencia os veciños de Valga

- A partir do día 28 de maio abrirase a entrega de tíckets ao resto do público

DaReconquistaWeb

Valga, 22 de maio de 2025.

O Auditorio Municipal de Valga acollerá a estrea do musical “Da Reconquista”, que interpretarán conxuntamente a Orquestra Clásica de Valga e o coro Gli Appassionati.

O espectáculo poderá verse o vindeiro 1 de xuño ás 19:00 horas de xeito gratuíto, pero será imprescindible retirar previamente unha entrada no Concello ou no propio Auditorio. Terán preferencia as persoas empadroadas en Valga, que poden recoller os seus tíckets dende mañá ás 13:00 horas ata o día 27 de maio.

A continuación, entre os días 28 e 30 abrirase un segundo prazo para que o público xeral poida solicitar as súas entradas. E, en caso de que aínda queden butacas dispoñibles, tamén poderán retirarse os tíckets o propio día da función no Auditorio.

“Da Reconquista” é unha obra inspirada na novela de Víctor Hugo “Os Miserables”, pero trasladada á época da Guerra da Independencia que enfrontou a España e ao Imperio Napoleónico nos primeiros anos do século XIX. Parte da obra desenvólvese, de feito, en Valga, concretamente en Casal de Eirigo, onde en 1809 tivo lugar unha das principais batallas libradas en Galicia contra os invasores franceses. Nela, os guerrilleiros e alarmas locais conseguiron, a pesar das súas armas e equipamento rudimentarios, causar numerosas baixas ao inimigo e forzalo a recuar, o que soubo a vitoria.

Orquestra e coro para a posta en escena

A Orquestra Clásica, unha das agrupacións de cámara da Escola Municipal de Música de Valga. Fundada no ano 2021, ten participado en festivais, concertos e intercambios pola xeografía galega e peninsular. Está formada por oito violíns, dúas violas, catro violoncellos e tres contrabaixos e diríxea Manuel Villar Touceda.

En canto ao coro Gli Appassionati, trátase dunha agrupación viguesa encabezada pola mezzosoprano Nuria Lorenzo e que aborda unha gran variedade de repertorio que inclúe música clásica, popular ou pop, entre outros estilos. Xa tiña colaborado coa Escola de Música de Valga na representación da versión en galego de Carmina Burana.

DaReconquista

Volver