Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O coloquio contou coa participación de estudantes de 3º e 4º de ESO e do ciclo básico de Agroxardinaría

- Coñeceron como se desenvolve o proceso para converter os residuos orgánicos en abono natural

CharlaCompostaxeIES1

Valga, 21 de maio de 2025.

A correcta separación dos residuos é un dos desafíos da sociedade actual para avanzar na sostibilidade, reducindo a cantidade de lixo destinada a vertedoiros, fomentando a reciclaxe e a reutilización de materiais e reducindo a contaminación. Sobre isto tratou a charla que hoxe impartiu no IES de Valga un dos responsables municipais da área de residuos e medio ambiente, Yoel Castro.

A actividade, na que participaron case oitenta alumnos de 3º e 4º cursos da ESO e do ciclo básico de Agroxardinaría, centrouse na revalorización dos residuos orgánicos a través da compostaxe. O técnico municipal explicoulles aos mozos asistentes en que consiste este proceso, que permite reciclar os biorresiduos e convertelos en abono natural. As claves para que o proceso de elaboración de compost sexa exitoso son: facer unha correcta selección dos residuos que se botan ao composteiro, unha boa aireación e o aporte de material estruturante.

Yoel Castro tamén lles falou sobre o sistema de compostaxe que ten implantado o Concello de Valga. Dende o ano 2020 distribuíronse máis dun milleiro de composteiros domésticos entre os veciños, creáronse dous composteiros comunitarios na rúa Doutor de Oya Salgueiro e na Avenida da Coruña e instaláronse outros catro en grandes produtores do municipio: o colexio Baño-Xanza, a empresa Extrugasa, o hotel Corona de Galicia e o restaurante Gran Barril. Tamén os centros educativos valgueses, entre eles o IES, contan cos seus propios composteiros para xestionar os biorresiduos que xeran

Ademais da compostaxe, parte da charla tamén se dedicou a reflexionar, en xeral, sobre a importancia da correcta separación de residuos nos diferentes colectores de recollida selectiva. O obxectivo principal é empregar o menos posible o contedor verde de fracción resto.

Ao remate do coloquio os alumnos recibiron varios regalos (libretas, lapiseiros e adhesivos) e o IES tamén agasallou ao técnico municipal que impartiu a actividade cun exemplar de arce xaponés.

CharlaCompostaxeIES2 CharlaCompostaxeIES3

Volver