Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ademais da zona de baño, tamén se colocará alumeado público e mobiliario urbano

- As actuacións fináncianse con fondos europeos Next Generation, xestionados a través do xeodestino turístico Mar de Santiago

MinaPortoPiñeiro

Valga, 21 de maio de 2025.

O proxecto de recuperación e posta en valor da lagoa Porto Piñeiro entra unha nova fase coa licitación das obras de acondicionamento dunha zona de praia, unha actuación que conta cun orzamento de 574.990 euros e que se financia con fondos do programa europeo Next Generation xestionados a través do xeodestino turístico Mar de Santiago, do que Valga forma parte xunto a Vilanova, Catoira e Pontecesures.

A Lagoa de Porto Piñeiro abrangue una lámina de auga de 5,32 hectáreas; ocupando o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción. O obxectivo do goberno local é convertela nun espazo de referencia ambiental e social a través dun proxecto valorado en máis de 14 millóns de euros que contempla actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante.

No ano 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas. Entre finais de 2024 e comezos deste ano instalouse un peche de seguridade perimetral e agora sácase a licitación a creación dunha praia artificial.

Ademais do acondicionamento da zona de baño, que incluirá a aportación de area, tamén se dotará ao espazo de alumeado público con rede soterrada, colocación de luminarias e balizamento de camiños con bolardos. Asimesmo, colocarase diverso mobiliario urbano, coma mesas e bancos.

As empresas que queiran optar á adxudicación das obras teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o día 9 de xuño.

Volver