- As competicións, para as que o Concello cede as instalacións municipais de Campaña, terán lugar entre o 31 de maio e o 8 de xuño
- Ademais, o equipo sénior, que rematou a Liga na segunda posición, disputa a partir desta fin de semana a fase de ascenso a Preferente
Valga, 21 de maio de 2025.
O Cordeiro C.F. celebra entre a última fin de semana de maio e a primeira de xuño a novena edición do seu Torneo de Fútbol Base, no que participarán case un cento de equipos de diferentes zonas de Galicia, nas categorías comprendidas entre biberón e cadete.
As instalacións deportivas municipais de Campaña serán o escenario no que se desenvolva o campionato, que reunirá a máis de 1.500 xogadores.
O torneo arrancará o sábado, 31 de maio, cos encontros de categoría biberón e cadete. O domingo 1 de xuño disputaranse as competicións prebenxamín e benxamín. E, para rematar, o domingo 8 de xuño, será a quenda dos alevíns e infantís.
Play off de ascenso a Preferente
Ademais, nesta recta final de temporada o Cordeiro C.F. afronta outra cita de gran importancia para o club, xa que o equipo sénior A, que rematou a Liga regular en segunda posición, disputa a partir desta fin de semana a fase de ascenso a Preferente. O presidente, José Ramón Seco, destaca que “é o segundo ano consecutivo no que imos xogar este play off, unha circunstancia que nunca antes se dera no club”.
O primeiro rival será o Gondomar, fronte ao que os valgueses xogarán este domingo a domicilio. O partido de volta celebrarase o día 1 de xuño no municipal de Baño.