- O alcalde participou na inauguración da mostra, que pode verse durante todo o mes de maio
- “Os cadros reflexan o universo interior de quen os pintou”, sinala a mestra Ángeles Garrido
Valga, 19 de maio de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañou aos nenos do CRA de Valga e do CEP Xesús Ferro Couselo na inauguración da exposición "Infancia Crea", que pode verse no Auditorio Municipal durante este mes de maio.
Nesta mostra e a través da pintura, cada alumno expresa libremente as súas emocións, imaxinacións e visións do munco que os rodea. "Cada cadro é único e reflexa o universo interior de quen o pintou: os seus soños, as experiencias, as cores que máis lle gustan e incluso o que lle preocupa ou fai sorrir", sinala Ángeles Garrido, a mestra destes artistas noveis.
Traballou cos rapaces a partir de diferentes técnicas (acuarela, témpera, debuxo libre...) e, nalgúns casos, inspirándose en artistas recoñecidos ou imaxes da súa contorna.
Con esta actividade foméntase a creatividade e a expresión artística dende as primeiras etapas vitais dos nenos, ofrecéndolles un espazo no que a arte se converte nunha ferramenta de comunicación, aprendizaxe e desenvolvemento.