Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un concerto da Banda, o xantar, sorteo de agasallos e o baile encheron de ambiente ao recinto do colexio Ferro Couselo

- O director xeral de Inclusión Social e o deputado provincial Ricardo Martínez acompañaron ao alcalde e ao goberno municipal

Maiores25 1

Valga, 18 de maio de 2025.
Máis de 600 valgueses reuníronse durante a xornada de hoxe na festa que o Concello dedica anualmente aos veciños maiores de 65 anos. A celebración viviu a súa edición máis multitudinaria, a número vinte e sete, batendo récords de participación con respecto a anos anteriores. Tivo lugar no recinto do colexio Xesús Ferro Couselo, onde se desenvolveron diferentes actividades festivas e culturais, así coma un xantar de confraternidade que propiciou reencontros e momentos de fraternidade e conversas entre valgueses das distintas parroquias.

O programa de actos deu comezo á unha do mediodía cun concerto da Banda de Música Municipal de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda, coas que se botaron os primeiros bailes do día. A continuación celebrouse o xantar, cun menú composto por empanada, langostinos, polbo, carne ao caldeiro, sobremesa e café.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o seu equipo de goberno acompañaron aos maiores neste día. Tampouco o director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado, e o deputada provincial Ricardo Martínez, quixeron faltar a esta celebración tan especial e importante para o colectivo da terceira idade, xa que promove o envellecemento activo e fomenta as relacións sociais.

Tralo xantar, tivo lugar un sorteo de preto de 200 agasallos doados por casas comerciais, asociacións e outras entidades de Valga e doutros municipios da contorna. Xamóns, unha televisión e outros electrodomésticos, botellas de viño e vermú, roscas, vales para comidas, bonos para o ximnasio municipal, macetas decorativas e plantas, ferramentas, cerámica de Sargadelos, paraugas, kits de cosmética, vales de compra ou unha escapada termal foron algúns dos regalos que se rifaron.

Ademais, homenaxeouse aos veciños de máis idade que asistiron á festa: María Rey Blanco, de Parafita (Xanza), de 96 anos, e Manuel Blanco Picón, de Barcia (Cordeiro), con 94.

Para pechar a xornada, celebrouse un baile a cargo do dúo Nueva Era.

Maiores25 2 Maiores25 3

Maiores25 4

Volver