- Durante toda a semana, o alumnado asistiu a sesións de informática na Aula CeMIT do Auditorio
- Este módulo de formación complementaria incluíu nocións sobre realidade virtual e robótica
Valga, 9 de maio de 2025.
Carpintería e traballos forestais son as dúas profesións nas que se están a formar as vinte persoas desempregadas que, dende finais do pasado ano, participan no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, dos concellos de Valga, Moraña e Portas. Pero, ademais, o plan formativo dos aprendices inclúe outra serie de módulos complementarios coma igualdade, prevención de riscos ou informática. Este último impartiuse durante toda esta semana na Aula CeMIT do Auditorio por parte da técnica responsable da mesma, Vanessa Losada.
Esta formación ten como obxectivo que os alumnos adquiran nocións de informática básica, internet e novas tecnoloxías e, en definitiva, as destrezas que lles permitan traballar de forma autónoma cun ordenador. Por exemplo, coñeceron de xeito práctico as principais aplicacións de ofimática, realizaron unha aproximación ao funcionamento da administración electrónica e tamén traballaron con internet e redes sociais.
Ademais, o módulo incluíu unha parte dedicada ás últimas tecnoloxías da comunicación, coma a realidade virtual, coa que os aprendices se somerxeron nun contorno virtual tridimensional; a impresión en 3D; ou a robótica e o manexo de drons.