- A camiñada valguesa celebrarase o 4 de outubro e pasará por lugares coma as fervenzas ou as capelas da Saúde e dos Martores
- Serán 12 quilómetros de ruta, maioritariamente por zonas de monte e con dificultade media-alta
Valga, 5 de maio de 2025.
O programa de andainas “Goza do Ulla” está a piques de iniciar unha nova edición e, como é habitual, o Concello de Valga continúa participando nesta iniciativa “Goza do Ulla” coa que os concellos bañados polas augas deste río promocionan o turismo fluvial e de natureza e poñen en valor o valioso patrimonio natural e cultural existente ao longo dos 130 quilómetros de cauce.
As rutas de sendeirismo propostas polas dezanova localidades participantes dan comezo este domingo en Teo e continuarán durante o que resta de primavera, o verán e parte do outono. Valga fixou o seu roteiro para o día 4 de outubro. “Vistas do Ulla e afluentes” é o nome do percorrido circular de dificultade medi-/alta e 12 quilómetros de lonxitude que discorrerá polas zonas máis elevadas do concello.
Con inicio e final no Centro Social de Parafita, o percorrido avanza, principalmente, por paraxes arboradas e con desniveis, visitando lugares histórico-culturais como a Capela da Saúde, en Casal de Eirigo, ou a Capela dos Martores. Atravesando o río Valga, afluente do Ulla, nunha contorna natural, os participantes achegaranse tamén ás fervenzas de Parafita e Raxoi, para gozar da beleza do seu entorno e tamén dos seus muíños.