Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Entre as actuacións a excutar atópanse a mellora dos accesos, a instalación de sistemas de drenaxe e a creación dunha piscina

- O Concello, ademais, xa ten concedidos outros 1.200.000 euros para destinar á rexeneración da lagoa e a súa contorna

ConvenioPlanExtraDepo

Valga, 29 de abril de 2025.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento do proxecto de acondicionamento da mina Porto Piñeiro. Este acordo, no marco do Plan Extra, permitirá executar actuacións valoradas en 902.000 euros, dos que o organismo provincial achega 700.000 e o Concello os 202.000 restantes.

Deste xeito avanzarase un novo chanzo na renaturalización da lagoa Porto Piñeiro, formada por acumulación de augas subterráneas e pluviais nunha antiga mina a ceo aberto. O obxectivo é convertela nun espazo de referencia ambiental e social a través dun proxecto valorado en máis de 14 millóns de euros que contempla actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas.

No ano 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas. Entre finais de 2024 e neste 2025 estase a instalar un peche de seguridade en todo o perímetro da lagoa e os 902.000 euros do convenio coa Deputación destinaranse a estabilizar pendentes, instalar sistemas de drenaxe, mellorar os accesos, acondicionar a zona norte e crear unha piscina.

Ademais, o Concello dispón doutros 1’2 millóns de euros para investir tamén en Porto Piñeiro. Deles, 615.000 euros serán aportados tamén pola Deputación de Pontevedra a través do programa Pon2030 para dar continuidade ás sendas peonís e ciclable. Os outros 600.000 euros proceden dos fondos europeos Next Generation, xestionados pola agrupación Mar de Santiago.

 

Volver