- Os docentes, que están a participar nun proxecto Erasmus, foron recibidos esta mañá polo alcalde
- Despois percorreron varios lugares de interese do concello guiados por un técnico municipal
Valga, 9 de abril de 2025.
O IES Plurilingüe de Valga recibe durante esta semana a visita de dous mestres de Turquía para coñecer in situ a metodoloxía de formación dixital e innovación que se aplica no centro de Baño.
Bülent Şahin e Yücel Urbay son profesores da escola de ensino secundario Alparslan Ortaokulu, do lugar de Derince, na provincia turca de Kocaeli. Están a participar nun proxecto Erasmus en diferentes rexións europeas, entre elas Galicia, onde tiñan interese en visitar un centro de referencia en materia de innovación e dixitalización.
O Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra recomendoulles o IES de Valga e “levan aquí toda a semana vendo a nosa medoloxía e comprobando o equipamento e as novas tecnoloxías das que dispoñemos”, indica o director do instituto, Eliseu Mera. Nos últimos tempos “fixemos un esforzo moi grande na adquisición de computadoras e pantallas intelixentes e tamén fomos pioneiros na implantación e uso da sala de polos creativos”.
Con motivo da súa estadía en Valga, os dous docentes foron recibidos esta mañá na Casa do Concello polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, que lles entregaron un agasallo institucional e cos que conversaron sobre a experiencia que están a vivir no IES, sobre a relación entre Turquía e a Unión Europea.
Despois, acompañados polo técnico municipal Santiago Chenlo, achegáronse a varios lugares de interese do noso concello, coma as fervenzas de Parafita, o petróglifo Pedra da Serpe, a capela dos Martores, o embarcadoiro de Santa Cristina e as lagoas Mina Mercedes e Porto Piñeiro.