- A xornada abordou os perigos de compartir información que poida ser empregada por posibles atacantes
- Tamén se trataron temas relacionados coa Intelixencia Artificial e a propagación de desinformación
Valga, 9 de abril de 2025.
A ciberseguridade é, na actualidade, máis relevante que nunca, con amezas en constante evolución que poden afectar a calquera persoa que acceda a internet ou empregue dispositivos intelixentes. Por iso a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Aula CeMIT de Valga impartiron esta mañá un obradoiro para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da formación en ámbitos como protección de credenciais, navegación segura, seguridade nos dispositivos e, en definitiva, no uso da tecnoloxía no día a día.
Máis de vinte persoas asistiron á actividade, que foi impartida por David Bascoy, que fixo especial fincapé durante a hora e media de duración nos perigos de compartir información e na pegada dixital: o rastro que deixa cada usuario de internet e que, despois, é empregado polos atacantes.
O experto ofreceu aos participantes unha serie de recomendacións para defenderse ante posibles ataques mediante mensaxes SMS, de WhatsApp ou mediante códigos QR, e foi poñéndoos a proba para comprobar se eran capaces de detectar estas ameazas.
No transcurso da xornada tamén se trataron temas coma os perigos da intelixencia artificial e, por último, dedicouse un apartado a falar sobre a propagación de desinformación e cales son as ferramentas para poder identificala e combatela.