- O proxecto, que comezou a prepararse antes do Nadal, participa nun certame da Fundación Endesa
- Inclúe a plantación de árbores autóctonas, froiteiras, hortalizas e aromáticas
Valga, 4 de abril de 2025.
O alumnado dos ciclos de Formación Profesional da rama agraria que se imparten no IES de Valga (básico de Agroxardinaría e composicións florais e medio de Xardinaría e floraría) están a participar na creación dun xardín circular sostible nos terreos do vello campo de fútbol de Baño, que foron cedidos polo Concello á Consellería de Educación precisamente para o desenvolvemento de actividades formativas.
O proxecto, no que veñen traballando dende antes de Nadal, realízase en colaboración coa Fundación Endesa e consiste na creación dun xardín ao estilo dos “Tolou Keur” de Senegal, que coa súa forma circular e mediante a distribución estratéxica de especies favorecen os cultivos en climas cálidos e secos. Son unha das iniciativas máis salientables da Gran Muralla Verde, un intento por restaurar sabanas en terras de cultivo en África e por evitar que o deserto do Sáhara continúe estendéndose como consecuencia do cambio climático.
Unha vez deseñado o xardín, os traballos do alumnado do IES sobre o terreo comezaron co replanteo e a preparación do solo e, dende hai unhas xornadas xa están a plantar as distintas especies que formarán parte da composición, dende árbores máis resistentes no exterior ata hortalizas no interior. Ademais, tamén haberá zonas de froiteiras, hortalizas e de plantas aromáticas e medicinais. Por último resérvase un espazo para crear charcas nas que incluso valoran a posibilidade de introducir peixes.
“Estamos traballando con especies autóctonas”, explica Alberto Mayo, un dos docentes que están á fronte do proxecto. Árbores coma acivros, teixos, loureiros, amendoeiras, froiteiras (algunhas doadas por pais de alumnos) e especies da horta coma pementos, tomates ou fabas son algunhas das que están a empregar. Parte delas foron mercadas polo departamento, outras son doazóns da comunidade escolar e incluso do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
“Queremos que este sexa un proxecto vivo, algo do que hai que coidar” e que permita ao alumnado do IES experimentar con técnicas agroecolóxicas, tanto aos estudantes dos ciclos de Agraria coma ao resto dos alumnos. De feito, dentro do plan de divulgación deste proxecto, mozos da ESO “están vindo a plantar con nós como parte da materia de Bioloxía”, comenta Alberto Mayo. Tamén se está a facer difusión entre o profesorado e, en xeral, entre toda a comunidade educativa.