- Puideron ver xardíns de grande valor botánico e paisaxístico e coñecer os laboratorios de control de pragas
- Esta actividade é complementaria aos oficios que están a aprender en sellos proxectos: carpintería, albanelería e traballo forestal
Valga, 4 de abril de 2025.
Os aprendices de forestais dos dous Obradoiros de Emprego que actualmente ten en marcha Valga, conxuntamente con Moraña e Portas, compartiron unha xornada formativa na Estación Fitopatolóxica do Areeiro e nos xardíns da finca de Lourizán; unha actividade complementaria á ensinanza teórica e práctica que veñen recibindo nos últimos meses e ás obras de interese público que executan.
Nestas visitas tiveron a oportunidade de ver estas instalacións que destacan polo seu grande valor botánico e paisaxístico e pola diversidade e riqueza da súa flora, incluíndo árbores monumentais. Ademais, tamén puideron coñecer o funcionamento de laboratorios especializados en pragas e controis fitosanitarios.
O grupo achegouse primeiro á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que presta un servizo de asesoramento ao sector agrícola en relación ás pragas e enfermidades que afectan aos diferentes cultivos e sobre as medidas de protección e control para evitar perdas a consecuencia destes patóxenos. Outra das liñas de traballo desta estación é a recuperación de variedades autóctonas galegas.
No recinto foron recibidos pola xefa de servizo, varias técnicas dos laboratorios e unha guía que os levou polos xardins, explicándolles as curiosidades da finca e como se produce o té de camelia.
A continuación, trasladáronse ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Durante a visita guiada pola finca, dunhas 52 hectáreas de superficie, puideron coñecer algunhas das especies coas que alí se traballa. O CIF de Lourizán foi pioneiro no desenvolvemento e posta en práctica de produtos e tecnoloxías forestais e nos seus máis de 75 anos de historia desenvolveu multitude de proxectos en diferentes áreas da investigación forestal, convertíndose nun dos principais axentes dinamizadores e divulgadores do sector forestal en Galicia.
Os aprendices estiveron acompañados polos directores dos Obradoiros, Mari Carmen Vidal e Francisco Gómez, os mestres da especialidade de forestais e outro persoal dos equipos docentes e directivos dos obradoiros.