Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras, que saíron a licitación, inclúen o ensanche da vía municipal e a canalización de servizos

- Con esta obra mellorarase o acceso á nova subestación eléctrica que se está a construír no lugar

 

Valga, 4 de febreiro  2025.

O Concello licitou a finais da pasada semana unha nova obra de mellora de infraestruturas viarias, en concreto a ampliación dunha estrada de titularidade municipal no lugar da Medela. A actuación, que se levará a cabo co apoio financeiro da Deputación, conta cun orzamento de 123.463’60 euros. A entidade provincial, que aporta os fondos a través do Plan +Provincia, aprobou o proxecto na Xunta de Portavoces celebrada o pasado venres. O Concello asumiu a adquisición dos terreos.

As obras consistirán no ensanche dun tramo duns 300 metros de lonxitude, dado que na actualidade o paso e circulación de vehículos atópase limitado pola estreiteza da vía. O obxectivo é acadar un mínimo de seis metros de ancho en todo o trazado, para o que se demolerán peches e muros existentes en varias parcelas e propiedades lindeiras, que despois se repoñerán. Colocaranse canalizacións de abastecemento, saneamento e electricidade e aplicarase unha nova capa asfáltica.

Con esta actuación mellorarase o acceso á nova subestación eléctrica que se está a construír no lugar da Medela para dar servizo ao futuro parque empresarial. E, ademais, a renovada vía tamén dará servizo aos veciños e propietarios de terreos na zona, que contarán con mellores condicións de circulación e de seguridade viaria.

O prazo para presentar ofertas ao concurso público remata o día 13 de febreiro.

Volver