- Dous cociñeiros elaboraron nunha foodtruck petiscos de choco, sardiña e mexillóns que despois degustaron os cativos
- A actividade, á que asistiu a concelleira de Educación, Carmen Gómez tamén incluíu unha charla didáctica sobre os produtos do mar e a súa pesca
Valga, 31 de xaneiro de 2025.
A campaña Galicia sabe Amar, da Xunta de Galicia, regresou esta mañá a Valga pero, nesta ocasión, co obxectivo de chegar a un público moi específico: os máis cativos, para promover entre eles o consumo de peixes e mariscos das rías galegas, así coma outros produtos da terra, todos eles avalados pola súa calidade.
Unha das foodtrucks que periodicamente recorren Galicia elaborando diferentes receitas con produtos do mar estivo a primeira hora no colexio Xesús Ferro Couselo, ofrecendo petiscos ao alumnado de Educación Primaria. As tapas que puideron degustar foron croquetas de choco, que gustaron moito entre a rapazada e sorprenderon pola súa cor, e tostas de sardiña. Ademais, para celíacos e intolerantes á lactosa, os cociñeiros Abel González e Martín Medina prepararon unha terceira elaboración con mexillóns.
Deste xeito, trátase de poñer en valor a versatilidade dos produtos do mar de Galicia e ás xentes que traballan na extracción, produción, comercialización e transformación das distintas especies para a súa posta a disposición dos consumidores.
Pero a parte didáctica tivo nesta xornada se cabe máis trascendencia, xa que os estudantes participaron tamén nunha charla na que se lles falou sobre a importancia de levar unha alimentación saudable e que sexa equilibrada, consumindo todo tipo de alimentos.
Ademais, nesta conferencia aprenderon moitas cousas sobre como se capturan e producen as diferentes especies do mar e, en concreto, os métodos máis tradicionais das rías galegas, coma as bateas ou as nasas.