Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O desfile, que percorre boa parte da parroquia de Cordeiro, celébrase este domingo, coincidindo co día da Candeloria

- Os actos darán comezo ás 10:00 horas cunha misa en Vilar e prolongaranse ata o mediodía, cando terá lugar a poxa das ofrendas

laconsconcello

Valga, 28 de xaneiro 2025.

A parroquia de Cordeiro celebra este domingo, coincidindo co día da Candeloria, unha nova edición da Procesión dos Lacóns, unha das tradicións culturais e relixiosas máis antigas e sobranceiras de cantas se conservan en Valga e cuxa orixe se remonta ao século XIX.

A programación arrancará ás 10:00 horas na capela de San Paio, en Vilar, onde terá lugar a bendición das candeas nunha misa oficiada por Manuel López Castro.

A continuación sairá a procesión, encabezada por mulleres da parroquia portando sobre as súas cabezas patas de porco e coas imaxes do patrón da aldea, San Paio, e tamén de San Roque e San Antón, que o pasado sábado foron trasladados a Vilar. Non faltará a música, co grupo de gaitas Os Mercenarios, que animará o desfile e tamén as paradas previstas nos lugares de Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro.

Á chegada da comitiva á igrexa de Cordeiro, arredor das 13:00 horas, celebrarase unha misa solemne no templo parroquial e, a continuación, terá lugar a poxa dos lacóns no adro.

Os festexos están organizados por un grupo de veciños da parroquia coa colaboración do Concello que, ademais, aporta dous lacóns para contribuír ao mantemento desta tradición como parte do patrimonio valgués. Ademais, aproveintando a xornada dominical, anima a todos os veciños a que participen no percorrido.

Foi un andazo de peste que, a mediados do século XIX, causou unha grande mortaldade entre o gando o que motivou que os veciños desta contorna comezaran a realizar ofrendas aos santos –un deles San Antón, patrón dos animais– en busca da súa intercesión.

CartelLacons25

Volver