- A actividade é gratuíta e aberta á participación de toda a poboación, sen necesidade de inscrición
- O percorrido circular, de 6 quilómetros, terá saída dende o Auditorio o luns ás 17:00 horas e o mércores ás 10:00
Valga, 16 de xaneiro de 2025.
Retómanse de novo as andainas por distintas zonas do noso concello como parte do programa de autocoidados que se imparte, de xeito gratuíto, para promover o benestar físico e emocional da veciñanza.
Nestas camiñadas poden participar tanto persoas que estean inscritas nesta actividade coma outros veciños que queiran realizar actividade deportiva ao tempo que descobren diferentes lugares e espazos de Valga.
A primeira andaina deste curso terá lugar a vindeira semana e o destino será a praia fluvial de Vilarello. O percorrido, de seis quilómetros de lonxitude, será circular, con saída e chegada no Auditorio Municipal.
Como quedou instaurado o ano pasado, haberá dúas saídas semanais coa mesma ruta, unha pola mañá e outra pola tarde, co obxectivo de favorecer a participación da maior xente posible.
As datas e horarios desta primeira camiñada son o luns, día 20, a partir das 17:00 horas e o mércores, día 22, ás 10:00.