Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os atrancos causados por materiais non biodegradables causan avarías, vertidos e danos ambientais

- A acumulación de toalliñas ou compresas é unha das principais problemáticas que afecta ao servizo

CarozosEDAR1

Valga, 9 de xaneiro de 2025.

O Concello de Valga solicita aos veciños de Valga que eviten tirar polo inodoro materiais que non son biodegradables que xeran problemas na rede municipal de saneamento. Como xa ten sucedido en ocasións anteriores, operarios do Concello veñen de detectar unha nova avaría a causa da acumulación de materiais, restos e residuos que non deberían verterse á rede e que acaban obstruíndo tubaxes, bombeos e outros elementos dos sistemas de depuración e causando vertidos de augas fecais e danos ambientais.

Foi na estación depuradora (EDAR) de Raxoi onde se produciu esta última incidencia, ao atoparse carozos atrancando a reixa de desbaste.

Noutras ocasións teñen sido toalliñas, compresas, cueiro, plásticos e incluso restos téxtiles que foron tirados de xeito irresponsable polos inodoros das vivendas. A problemática é grave xa que causa importantes inconvenientes tanto no funcionamento da rede de saneamento como para os usuarios da mesma e xera afeccións ao medio ambiente e repercusións económicas para as arcas públicas.

Por iso, dende o goberno municipal fai de novo un chamamento aos veciños para que actúen de xeito responsable. “Xa o temos advertido en numerosas ocasións e parece que, nalgúns casos, son actos realizados con mala intención, só co obxectivo de causar problemas no funcionamento do servizo de saneamento”, sinala o alcalde, José María Bello Maneiro. “Pídolles aos valgueses que sexan conscientes e valoren os danos que poden chegar a causar e, sobre todo, que recapaciten posto que, do contrario, teremos que adoptar medidas e poñer os feitos en coñecemento das autoridades medioambientais”.

CarozosEDAR2

Volver