- As obras de mellora realizáronse na estancia na que se atopa o forno de cerámica, e tamén se instalou novo equipamento
- O alcalde e o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar achegáronse a comprobar o resultado dos traballos
Valga, 8 de xaneiro de 2025.
A colaboración entre o Concello de Valga e o Consorcio de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Política Social, permitiu acondicionar un novo local para a realización de actividades no CODI. Trátase dun espazo no que, dende fai uns anos, se atopa o forno que se emprega no obradoiro de cerámica. Esta estancia estaba pendente de acondicionar e sen ningún tipo de equipamento, o que impedía que puidera dárselle un uso óptimo.
Grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Xunta realizouse un investimento de 47.000 euros cos que se acondicionou o citado local. Realizáronse obras de recebo e pintado das paredes; pavimentado do piso; colocación de falso teito, ventá e porta; instaláronse redes eléctrica e de fontanería e illamento térmico; dotouse ao lugar dunha pía de fregar e tamén de equipamento coma estantes nos que colocar os materiais que os usuarios empregan nos obradoiros e tamén as pezas de cerámica que crean.
O xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, tivo ocasión de comprobar o resultado das obras nunha visita realizada ao CODI a pasada semana, con motivo da recepción do novo vehículo adaptado para persoas con mobilidade reducida que se adquiriu tamén a través dun convenio entre Xunta e Concello.