- A técnica Marcela Santorum explicoulles cuestións sobre a discriminación laboral ou a violencia de xénero
- Os dezaseis participantes neste proxecto están a aprender os oficios de forestais e albanelería
Valga, 7 de xaneiro de 2025.
O Obradoiro de Emprego xuvenil que están a desenvolver os concellos de Valga, Moraña e Portas está a formar aos mozos participantes en igualdade, un módulo de dez horas de duración impartido por Marcela Sartorum..
Trátase dunha formación complementaria aos oficios que están a aprender durante este proxecto, albanelería e forestais, e o obxectivo é que os aprendices coñezan os diferentes plans e políticas institucionais para a loita contra a discriminación laboral, tomen consciencia sobre o problema social da violencia de xénero e se informen sobre as políticas, programas, medidas preventivas e recursos existentes para actuar contra esta violencia. En definitiva, sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para poder contribuír ao desenvolvemento da sociedade a través do acceso en condicións de igualdade ao mercado laboral.
Esta formación impártese ao mesmo tempo que reciben a formación específica de cada especialidade e traballan nas obras de interese público recollidas no proxecto.
O Obradoiro de Emprego “Xóvenes” deu comezo no mes de novembro e ten unha duración de doce meses. Nel participan dezaseis mozos desempregados de ata 30 anos de idade.