- A partir das 16:00 horas haberá obradoiros e inchables nos exteriores do Belén Artesanal
- Todos os nenos poderán saudar ás Súas Maxestades e recibirán un agasallo
Valga, 2 de xaneiro de 2025.
Os Reis Magos de Oriente estarán en Valga este domingo, día 5, con motivo da tradicional recepción que terá lugar nos exteriores do Belén Artesanal en Movemento.
Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán a todos os rapaces valgueses e farán todo canto estea nas súas mans para cumprir os desexos dos cativos na xornada máis máxica do ano. Para recibilos por todo o alto, o Concello ten preparada unha tarde chea de actividades.
A partir das 16:00 horas haberá inchables e obradoiros para que os nenos poidan divertirse mentres agardan polas Súas Maxestades. Mentres se desenvolven estas actividades, os Magos aproveitarán para visitar ás veciñas centenarias do concello para felicitarlles a entrada do novo ano en entregarlles un agasallo.
A comitiva real ten prevista a súa chegada ao Belén arredor das 18:00 horas e será o alcalde, José María Bello Maneiro, quen se encargue de darlles a benvida.
A continuación, como xa é habitual, entregaranse os premios do XXIII Concurso de Beléns e despois chegará o momento máis agardado por todos os nenos, que poderán subir a saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis entregaranlles un pequeno regalo como anticipo de todos os que atoparán nos seus fogares na mañá do día 6.
Para pechar a tarde haberá unha chocolatada con churros gratuíta para todos os asistentes.