- Os traballos desenvolveranse nas zonas de Baño, Cernadas, Regengo e Vilarello
- Para seguir avanzando en materia de efeciencia enerxética, o Concello ten proxectada a instalación de paneis solares na EDAR e no Auditorio
Valga, 27 de setembro de 2024.
Un total de dez empresas presentaron ofertas ante o Concello para optar á contratación das obras de renovación de máis dun cento de puntos de luz en diferentes zonas de Valga, un proxecto que ten como obxectivo principal avanzar en materia de eficiencia enerxética na rede de iluminación pública, para así acadar unha xestión máis eficiente que permita rendibilizar os recursos municipais.
As empresas que optan á execución dos traballos son Setga SLU, Instalaciones Eléctrica Terca, Aopil, Construcciones e Instalaciones Orfa, Montaxes Eléctricas Noroeste, Noroinstal Sistemas e Instalaciones, Acelec Instalaciones Eléctricas, Moncosa OHS, Instalaciones Eléctricas Coruñesas e Manuel Novoa Castro S.L. A mesa de contratación reuniuse para abrir os sobres correspondentes as diferentes ofertas e está pendente de emitirse o dictame sobre o adxudicatario.
As zonas nas que está previsto actuar son a estrada provincial EP-8502, en Baño, nos lugares das Cernadas e Regengo (Setecoros) e en Vilarello (Cordeiro). En total, mellorarase a iluminación pública nunha lonxitude de máis de 3’5 quilómetros e substituiranse 138 puntos de luz, instalando lámpadas LED que permitan reducir o consumo enerxético.
O investimento que se realizará ascende a 41.015,84 euros,parte deles aportados pola Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental.
Ademais destas obras, o Concello continúa impulsando novas actuacións de eficiencia enerxética e ten xa concedida unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para a instalación de paneis solares no Auditorio Municipal e na estación depuradora de augas residuais (EDAR) para dar novos pasos cara ao autoabastecemento enerxético.