Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O acordo foi aprobado esta mañá no Consello da Xunta
- Ademais, están pendentes de investir na zona 1’2 millons de euros financiados pola Deputación e con fondos Next Generation

PortoPiñeiroLagoa1

Valga, 2 de setembro de 2024.
O Concello de Valga e a Consellería de Economía e Industria selaron un acordo para o investimento de 366.200 euros na lagoa Porto Piñeiro. Este convenio foi autorizado esta mañá polo Consello da Xunta e permitirá dotar á antiga mina de extracción de arxila, situada entre os lugares de A Torre (Campaña), Carballiño (Xanza) e O Forno (Cordeiro), dun peche de protección que reforce a seguridade das persoas usuarios. Estas varandas perimetrais serán acordes coa morfoloxía do terreo, sen que supoñan un impacto visual na paisaxe.

Deste xeito, Concello e Xunta colaboran na posta en valor de xeito sustentable deste antigo espazo mineiro para recuperar e renaturalizar os seus arredores para uso e desfrute da cidadanía e, ao mesmo, tempo revalorizar a importancia do patrimonio mineiro de Galicia, conxugando a conservación patrimonial e a calidade paisaxística co desenvolvemento sustentable.

O Concello deseñou un proxecto de recuperación de Porto Piñeiro valorado en máis de 14 millóns de euros, con actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma aéreas.

A primeira fase do acondicionamento deste espazo executouse a comezos do pasado ano cun investimento de máis de 500.000 euros que permitiron habilitar carrís para a circulación de vehículos ciclables e sendas para peóns. Instalouse tamén mobiliario urbano (papeleiras e bancos) nas zonas destinadas ao descanso. Outro dos elementos centrais da obra foi a creación dun parque infantil con equipamento e xogos de madeira destinados a nenos de 6 a 12 anos de idade.

No que respecta á restauración ambiental desta contorna, aplicáronse tratamentos silvícolas e realizáronse limpezas e rozas selectivas, habilitando novas zonas verdes destinadas ao ocio e ao esparexemento e levando a cabo unha revexetación con bidueiros, acivros, árbores froiteiras e outras especies autóctonas.

Ademais da aportación da Consellería de Industria aprobada hoxe no Consello da Xunta, o Concello conta xa con 1’2 millóns de euros pendentes de investir. Arredor de 600.000 euros serán aportados pola Deputación de Pontevedra a través do programa Pon2030 e a outra metade financiarase con fondos europeos Next Generation, xestionados pola agrupación Mar de Santiago.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver