- Repartíranse premios por valor de 1.600 euros nas categorías Obra nova e Mantemento e o resto de grupos participantes recibirán unha gratificación de 100 euros
- Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado durante a XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

Valga, 25 de agosto de 2024. 
O xurado percorreu onte os lugares -máis dunha trintena- que concorreron ao concurso “Embelecer Valga”, que premia os parques e espazos máis fermosos engalanados e acondicionados polos veciños con materiais aportados polo Concello. Este certame é convocado anualmente co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación.
Nesta edición incrementáronse os premios ao establecerse dúas categorías diferentes. Por unha parte, obras novas que supuxeron a creación dun novo espazo ou a rehabilitación dalgún ben ou zona que se atopaba abandonada e que precisaba dunha actuación maior para a súa conservación ou restauración. E, por outra, a categoría de mantemento para lugares que xa dispoñían de construcións feitas, tales como parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas, co obxectivo de garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de limpeza, xardinaría ou ornamentación.
As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:
Modalidade “Obra nova”:
 • A Medela: acondicionamento de terreo e construción de muro xunto ao lavadoiro
 • Balleas: limpeza e restauración do pilón e creación de xardín
 • Devesa: Recuperación do parque infantil, colocación de xogos e peche
 • Cerneira: Acondicionamento, dotación de mobiliario, limpeza e embelecemento da fonte, do barral e do quinteiro de abaixo
 • Laxes: recuperación do parque “Pozo da lameira”
 • Colexio Baño Xanza: acondicionamento da zona de Educación Infantil
 
Modalidade “Mantemento”:
 • A Medela: acondicionamento do lavadoiro
 • Avenida da Coruña: limpeza, arranxos e mantemento do parque
 • Balleas: posta a punto do parque
 • Barcia: mantemento do parque
 • Barro: acondicionamento do parque
 • Beiro: lavadoiro, parque a agro de arriba
 • Campaña: traballos de conservación do campo da festa e do parque
 • Canle: acondicionamento do parque
 • Carballiño: mantemento e colocación de mobiliario no parque
 • Cimadevila: parque do Souto
 • CODI: Creación de Xardín e colocación de mobiliario
 • Colexio Ferro Couselo: melloras no recinto educativo
 • CRA de Valga: melloras nos patios e nos espazos escolares
 • Eiras: remate da balaustrada do lavadoiro
 • Eirexe (Campaña): adecentamento da contorna da igrexa parroquial
 • Ferreirós: acondicionamento de talude na estrada PO-190
 • Gándara: melloras no parque
 • Miradoiro da Perdiz: mellora da zona con mobiliario e acondicionamento de talude
 • Pontevalga: embelecemento da Praza do Souto
 • Raxoi: mantemento da fonte
 • San Miguel: acondicionamento da contorna da fonte, marquesiña e cruceiro
 • Vilar – Parque: traballos de mantemento
 • Vilarello: actuacións no lavadoiro, no parque, na marquesiña e na casa veciñal
Membros das diferentes comisións participantes foron os encargados de valorar as obras de nova factura, mentres que na categoría de mantemento o xurado estivo formado por representantes do Concello. Nos dous casos valoráronse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.
O proxecto mellor valorado na categoría de “Mantemento” será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros. Na modalidade de “Obra nova” os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.
Os gañadores daranse a coñecer o día 31 de agosto durante a celebración da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
 
 

 
										 
										 
										







