Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez asistiron onte á final do concurso de talentos “Goldene Note”, xa que os tres gañadores serán alumnos do CSM

- Durante a gala emitiuse un vídeo gravado en Valga no que Bello Maneiro e o director do CSM anunciaron este premio

GoldeneNote1

Valga, 22 de maio de 2024.

Valga é durante estas xornadas protagonista na televisión pública de Austria, ORF, a través do concurso de talentos “Goldene Note” e do Centro Superior de Música. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, viaxaron a Viena para asistir, onte, á gravación da gala final do certame.

Os dous representantes do Concello estiveron acompañados por Mª Jesús Rey, xerente da empresa Galival Music que xestiona o CSM, e Simón Ibáñez, director do centro. Este xa participou como xurado invitado na semifinal do concurso, que se emitiu o luns.

“Goldene Note” promociona a novos talentos no ámbito da música clásica, co obxectivo de facela accesible a un público máis amplo e, en concreto, á mocidade. Neste concurso están involucradas algunhas das institucións máis importantes de Austria a nivel musical e está aberto á participación de nenos e mozos dende 5 a 18 anos con instrumentos de vento, teclado, corda ou corda pulsada. O programa, que se emite tanto en Austria como en Alemaña, acada unha audiencia duns dous millóns de espectadores.

Os tres gañadores do concurso serán alumnos do CSM-Galicia o vindeiro curso, en concreto formarán parte do “Promotion Program”, co que o conservatorio valgués ofrece aos estudantes a posibilidade de participar en concertos e recitais en teatros de prestixio internacional e compartir escenario con profesionais de prestixio. Bello Maneiro e Simón Ibáñez apareceron, durante a gala, nun vídeo gravado en Valga anunciando este premio, que incluirá a celebración dunha gala cos tres gañadores no Auditorio de Galicia en Santiago, e outra na Ópera de Valencia. Nestes eventos participará a presentadora de “Goldene Note”, Leona König, que é ademais a presidenta da Fundación Internacional de Música para nenos con altas capacidades.

Tamén como parte do premio e da participación no “Promotion Program”, o mellor dos tres concursantes actuará no Carnegie Hall de Nova Iorque en 2026.

Así mesmo, en Valga haberá oportunidade de ver sobre o escenario aos tres novos talentos da música clásica, xa que asistirán a clases e participarán en recitais no Auditorio Municipal.

A gala gravada onte e na que se coñecerán os nomes dos tres premiados emitirase o vindeiro 31 de maio.

GoldeneNote2 GoldeneNote3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver