Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O concelleiro Pedro Calvo asistiu esta mañá á presentación do proxecto ante as cen persoas beneficiarias

- A Xunta de Galicia aporta 220.000 euros para o desenvolvemento desta acción, que busca favorecer a inserción laboral dos participantes

PresentaciónPIE24 1

Valga, 12 de febreiro de 2024.

Un total de dezaoito veciños de Valga –doce mulleres e seis homes– participan ata o mes de novembro no Programa Integrado de Emprego das comarcas do Baixo Ulla e Sar. Ademais de Valga, nesta iniciativa laboral participan os concellos de Pontecesures, Catoira, Padrón, Rois e Dodro, que contan cunha subvención de 220.000 euros da Xunta de Galicia para a posta en marcha de accións formativas que melloren as posibilidades de inserción laboral das cen persoas desempregadas seleccionadas coma participantes. O 74% do total son mulleres e o 58% maiores de 45 anos.

O concelleiro Pedro Calvo representou esta mañá ao Concello no acto de presentación ante o alumnado que tivo lugar en Pontecesures, no que se puxo en valor a capacidade dos seis municipios participantes para superar barreiras territoriais e ideolóxicas, apostando pola confraternidade e a colaboración para poder poñer en marcha, un ano máis, este programa en beneficio da cidadanía. “Buscar o ben común é o obxectivo que debemos marcarnos coma representantes públicos e, no caso deste PIE, ofrecer aos nosos veciños formación e favorecer a súa empregabilidade”, sinalou Calvo Blanco, que ademais fixo un chamamento aos participantes a “aproveitar esta oportunidade” e ás empresas a que colaboren. Neste sentido, o concelleiro remarcou que “Valga conta cun tecido empresarial moi importante”, o que pode abrir moitas portas aos beneficiarios do proxecto.

No marco deste Programa Integrado de Emprego desenvolveranse durante os vindeiros meses diferentes accións de orientación e asesoramento laboral individualizado, talleres de coaching e intelixencia emocional, obradoiros de mobilidade laboral, habilidades sociais e entrevistas, accións de intermediación con empresas, fomento do autoemprego e do emprendemento e formación para o emprego nos sectores que xeran máis traballo e que presentan maiores potencialidades de emprendemento no ámbito territorial de actuación. Estes sectores son: fabricación mecánica, agrario-forestal, loxística e comercio, hostalería e turismo, industrias alimentarias, téxtil e servizos comunitarios. O programa tamén ofrece a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en entidades e empresas da comarca.

Ofrécense, deste xeito, diferentes alternativas para a inserción laboral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque personalizado e adaptado ás necesidades de cada beneficiario, ao mesmo tempo que se implica ao tecido empresarial do territorio, xerando unha rede de empresas colaboradoras, e se fomenta o autoemprego e o emprendemento a través dos recursos e produtos locais.

Ademais, os participantes poden beneficiarse dunha serie de medidas de conciliación, con atención personalizada, tanto presencial como telemática; flexibilidade horaria; adaptación das accións do programa aos horarios dos servizos educativos e de atención á dependencia; ou posibilidade de realizar accións formativas na modalidade online ou mixta.

O anterior Programa Integrado de Emprego, que se desenvolveu durante o ano 2023, conseguiu insertar no mercado laboral a 40 persoas dun total de 107 beneficiarios. No caso de Valga, participaran 14 persoas, das que 8 acadaron a inserción laboral: sete por conta allea e unha como emprendedora.

PresentaciónPIE24 2 PresentaciónPIE24 4

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver