Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O elemento pasa a estar protexido conforme á lexislación autonómica

- A resolución da Consellería de Cultura atópase en fase de exposición pública durante un mes

MuiñoBarro1

Valga, 27 de novembro de 2023.

A Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura, vén de iniciar un procedemento para incluír o muíño de Barro (Cordeiro) no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. En base a esta resolución, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia o día 22 de novembro, este vestixio do patrimonio etnolóxico queda anotado preventivamente no citado Catálogo baixo o réxime de protección previsto na Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia.

A protección afecta tanto ao edificio que acolleu os mecanismos de moenda como á infraestrutura exterior para a captación, condución, regulación e derivación da auga. A delimitación proposta pretende abranguer tamén a presa de captación no río Louro, toda a canle de condución, a balsa, as derivacións, e a canle-pontella-aliviadoiro.

A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural atópase en período de información pública para que calquera persoa física ou xurídica poida presentar as alegacións que considere oportunas.

O documento indica que este muíño de río, situado no lugar de Barro, a carón do río Louro, era en 1879 unha construción destinada á moenda de millo, composta por dúas moas e cunha presa que contiña as augas que facían funcionar o artefacto. Nunha escritura posterior de 1928 indicábase que estaba composto por tres moas. A auga que o facía funcionar captábase dunha presa construída no río Louro e dende aí conducíase por unha canle.

Os restos das pedras conservados permiten supor como era a infraestrutura de regulación da auga que servía ao muíño. Desde a balsa, a auga tiña dúas saídas. A través dunha chegaría á primeira das entradas, pasando antes por unha canle troncopiramidal cuberta. A outra posible saída da balsa permitiría unha tripla derivación da auga: unha pequena canle, formada por dúas pedras, conduciríaa ao segundo inferno do muíño; outra pequena canle cuberta de pedra conduciríaa ao terceiro inferno do muíño; e unha longa canle de pedra que atravesa o río Louro derivaría a auga sobrante aos prados situados na outra beira do río.

Trátase, polo tanto dunha “complexa infraestrutura de derivación, condución e regulación das augas para dar servizo a unha especie de muíño de balsa, que combina dous sistemas de captación, un híbrido cubo-canle e outros dous de canle”, destaca o informe publicado no DOG.

O edificio do muíño era de planta rectangular. A cuberta, xa desaparecida, era a dúas augas. Os muros exteriores que se conservan en parte son de granito, con aparello de cachotaría careada. No interior destaca a presenza de dúas pedras do pé do mecanismo do muíño, así coma os restos dunha lareira, dun pousadoiro a carón da porta de entrada e de diversos gravados (fundamentalmente cruces) nas pedras.

A Dirección Xeral de Patrimonio destaca “a singularidade” deste elemento etnolóxico “como muíño de tres rodicios que se vale dunha complexa infraestrutura hidráulica de regulación, composta por varias canles e, singularmente, do aliviadoiro que cruza o río cunha singular pontella”.

Fotos: Faro de Vigo

 

MuiñoBarro2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver