Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Persoal municipal, do CIM e do CODI participaron nunha concentración silenciosa en memoria das vítimas

- Os usuarios do CODI repartiron lazos e xabóns conmemorativos

Silencio25N 1

Valga, 24 de novembro de 2023.  

O persoal do Concello celebrou este mediodía unha concentración silenciosa en repulsa polos asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Representantes do goberno local, encabezados polo alcalde, José María Bello Maneiro, traballadores municipais, persoal do Centro de Información á Muller e usuarios do CODI asistiron ao acto celebrado ás portas da Casa do Concello.

Os usuarios do CODI repartiron entre os participantes lazos violetas e xabóns conmemorativos do 25-N que eles mesmos elaboraron na actividade "Creando igualdade".

Tralo minuto de silencio, deuse lectura a un manifesto:

"O Concello de Valga conmemora o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero uníndose e solidarizándose con todas aquelas mulleres vítimas, así coma coas súas familias, amizades e achegados.

Fai 23 anos que, dende a Asemblea Xeral da ONU, se designou o 25 de novembro do o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller e, moi tristemente, esta continúa a ser unha realidade que abordar e transformar para acadar unha sociedade xusta e igualitaria.

No que levamos de ano, a violencia machista amosounos a súa expresión máis dura e cruel con 52 asasinatos que deixaron a 51 menores orfos. Asasinatos que non podemos entender coma simples datos, senón como vítimas con vidas arrebatadas e familias destruídas pola violencia, como traxicamente coñecemos no noso concello de primeira man.

Por iso, como sociedade debemos unirnos, sumar forzas e implicarnos activamente para erradicar a violencia de xénero. Esta loita e a  posibilidade de extinguir o patriarcado e a súa ideoloxía machista interpela a toda a sociedade, está en mans de todas as persoas que a formamos. Non podemos esquecer é que indispensable activar o sentimento de responsabilidade nos homes para que, de maneira individual e colectiva, sinalen as condutas e actitudes machistas propias dos seus iguais, e se afasten delas.

Hai que desobedecer os mandatos da masculinidade máis tradicional e dominante que se realimenta moi a miúdo e en todos os ámbitos, especialmente nos últimos anos nas redes sociais e os espazos dixitais. Necesitamos crear novos referentes para construír masculinidades responsables, libres, igualitarias, diversas, inclusivas e coidadoras. Só así, tecendo alianzas, poderemos construír unha comunidade que garanta os dereitos de todas as persoas.

Como administración temos a obriga de poñer en marcha todas as medidas posibles contra esta lacra social, reforzando todos os mecanismos de prevención, atención, apoio e protección ás mulleres vítimas. Así mesmo, é de vital importancia promover a educación en igualdade en todos os niveis educativos, entendéndoa coma a ferramenta máis eficaz para erradicar a violencia contra as mulleres, que na actualidade representa a máxima expresión da masculinidade.

Facer fronte a este desafío non é sinxelo pero, sen lugar a dúbidas, é preciso para acadar unha sociedade xusta e na que todas as persoas poidan participar e desenvolverse de forma igualitaria".

Silencio25N 2 Silencio25N 3

Silencio25N 4 Silencio25N 5

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver