Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade trata de reducir a fenda de xénero neste ámbito e mellorar a empregabilidade das alumnas

- As participantes acadarán un título emitido pola Xunta e recibirán en propiedade un ordenador portátil

GalegasDixitais1

Valga, 22 de novembro de 2023.

Case trinta mulleres están a participar dende comezos deste mes na actividade “Galegas Dixitais”, un programa de formación dixital promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de reducir a fenda de xénero neste ámbito e mellorar a empregabilidade.

As clases, que se prolongan durante máis dun mes, impártense na Aula CeMIT do Auditorio e constan de tres módulos de competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento cos que se ofrecen ás participantes os coñecementos de novas tecnoloxías necesarios para o día a día.

Alberto Fandiño, mestre da actividade, explica que, ademais de adquirir coñecementos, as alumnas tamén reciben un ordenador xa configurado que, ao remate do curso, pasará a ser da súa propiedade. Os contidos formativos abarcan dende a navegación por internet ou o uso do correo electrónico, ata o emprego de procesadores de texto e follas de cálculo, instalar e desinstalar programas, ferramentas de ofimática e cuestións relacionadas coa seguridade e a privacidade coma o uso de contrasinais. Tamén se tocan aspectos relacionados co deseño gráfico, para que as participantes aprendan a facer carteis, postais ou o seu currículo, todo online.

No módulo de emprendemento “explícolles a utilidade de ferramentas coma a Chave 365 ou o certificado dixital, o funcionamento da Carpeta Cidadá e aprenden a realizar trámites e procedementos a través das sedes electrónicas das diferentes administracións”, engade o mestre.

Ademais dos tres módulos, o programa inclúe unha sesión sobre o fomento da igualdade que se impartiu o pasado luns.

As alumnas “partían dun nivel de coñecemento dispar. Tiñan certa base, pero o que máis acostuman a manexar é o teléfono móbil. Nas semanas que levamos de clase hai que destacar a súa capacidade de traballo, a atención e o interese que demostran. Axúdanse entre elas e tratamos de que as sesións, que se desenvolven de luns a venres de 16:00 a 21:00 horas, se fagan o máis amenas posible”, indica Alberto Fandiño, que é titulado en Informática.

Ao remate do programa, as alumnas recibirán un título acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia.

GalegasDixitais2 GalegasDixitais3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver