Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os chefs Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido introduciron o peixe do Ulla en catro coñecidos pratos internacionais

- Trinta persoas asistiron á demostración de cociña en directo e algunhas participaron na elaboración das receitas

UniversoAnguía23 1

Valga, 9 de agosto de 2023.

A anguía realizou onte unha ruta internacional no showcooking inaugural da terceira edición do “Agosto Gastronómico”, que congregou a trinta asistentes no Centro de Interpretación da Caña do País. Os chefs de Indo e Vindo Gastronomía –Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña– ofreceron un menú composto por catro pratos tradicionais doutros tantos países aos que engadiron a anguía como un dos seus ingredientes principais, demostrando así a versatilidade e as múltiples posibilidades culinarias que ofrece este peixe.

A viaxe tivo como punto de partida a India, cunhas somosas de anguía con verduras, unhas empanadillas tradicionais do país asiático feitas con masa filo e recheas de anguía cociñada a baixa temperatura (15 minutos a 62 graos) mesturada cun sofrito de verduras e queixo crema. Tralo paso polo forno, engadíronselle pebidas de sésamo.

A demostración de cociña en vivo deu, a continuación, un salto ao continente americano coa elaboración dunhas arepas venezolanas con masa de millo e, no interior, unha mestura de leitugas, anguía en tiras e salsa barbacoa. A receita completouse cunha maionesa picante.

Os participantes tamén puideron degustar un prato típico de Italia, os arancini, propios da cociña de aproveitamento e feitos con restos de risotto de verduras e anguía picada como recheo. A estas bolas, que recordan ás croquetas españolas, dáselles forma de pera e rebózanse con fariña, ovo e pan raiado antes de fritilas.

O remate da actividade tivo, de novo, sabor asiático coa elaboración dun curry tailandés de anguía con fabas. O peixe, cociñado a baixa temperatura e braseado, acompañouse de feixóns cocidos en aceite de coco e unha combinación de catorce especias.

Os showcookins do “Agosto gastronómico” continúan o domingo, día 20, cunha sesión de coctelería con caña do país que xa ten o aforo completo. Está aberto o prazo de inscrición para a demostración “A caña no prato”, que terá lugar o día 22 e na que se elaborarán catro pratos con augardente”. E pecharase esta edición o 29 de agosto co showcooking en homenaxe ao décimo aniversario da Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, na que se repasará algunha das mellores receitas que gañaron este certame.

Estas actividade son gratuítas pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias máis desfavorecidas.

UniversoAnguía23 2 UniversoAnguía23 3

UniversoAnguía23 4 UniversoAnguía23 5

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver