Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os traballos de limpeza e consolidación tiveron por obxectivo frear o deterioro das edificacións, que se atopaban cubertas pola maleza

- O comité técnico que valorou o proxecto, destaca o “traballo e o esforzo realizados”

TelleirasVilar1

Valga, 25 de maio de 2023.

As telleiras de Roeiro e Padín, situadas á beira do río Ulla en Vilar, están xa na lista verde de conservación do patrimonio tralas obras de posta en valor executadas, tal e como confirmou ao Concello a asociación Hispania Nostra, que traballa na defensa do patrimonio cultural e natural, e como pode comprobarse, ademais, na súa páxina web www.hispanianostra.org. O comité técnico encargado de valorar as obras executadas destacou “o traballo e o esforzo realizado” polo Concello para recuperar estes vestixios do patrimonio etnográfico e cultural de Valga, que anteriormente se atopaban ocultos pola maleza e con risco desaparición, destrución ou alteración dos seus valores.

Estas telleiras son dous exemplos excepcionais da arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, que tanta relevancia acadou na zona. Os traballos que se levaron a cabo consistiron na roza e limpeza da contorna das telleiras e do camiño de acceso, coa retirada de maleza e escombro, a limpeza en seco das estruturas que se manteñen en pé e a delimitación da zona cunha varanda rústica de madeira. O obxectivo foi, precisamente, frear o deterioro das edificacións e darlle a importancia cultural, patrimonial, histórica e ambiental que teñen, polo que tamén se colocaron senllos paneis explicativos sobre as características e historia das dúas telleiras.

En ambos casos aínda se manteñen as estruturas das edificacións principais, as que estaban destinadas á cocción de produtos cerámicos, principalmente tella, pero tamén ladrillo. A telleira de Roeiro é unha das mellor conservadas da zona. A súa forma circular é pouco frecuente e convértea nunha das máis singulares de cantas existiron na contorna do Ulla. Esta característica distintiva fai pensar que quizais a súa orixe se remonte á época romana, sendo inicialmente un forno de fundición de metais adaptado logo como telleira. Deixou de funcionar en 1945.

A telleira de Padín foi a derradeira da zona en ser construída, en 1942, e tamén a última en apagar o seu forno (1960). Conserva parte da cuberta en forma de cúpula, parte do cubrimento interior en ladrillo e o emparrado que separaba a caldeira do forno, onde se colocaban as tellas as cocer.

Nas dúas se percibe claramente a zona destinada a leñeira, un terreo en pendente no que se gardaba a leña e dende o que se introducía na boca do forno cando este se poñía en funcionamento. Tamén se conservan algúns restos das edificacións secundarias dedicadas ao descanso dos telleiros e son visibles algúns tramos das canles que permitían o atraque das embarcacións para o transporte de barro e tella.

A produción de tella e ladrillo nestes rudimentarios fornos na zona do Ulla tivo o seu auxe na segunda metade do século XIX. No século XX, coa industrialización do sector produtivo, as telleiras comezaron a decaer e foron substituídas por factorías como Novo y Sierra, fundada no ano 1921.

O proxecto de posta en valor financiouse cunha subvención da Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

RoeiroObras

PadínObras

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver