Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A subvención, aprobada onte pola Conferencia Sectorial de Turismo, xestionouse a través da agrupación turística Mar de Santiago

- A axuda permitirá dar un pulo á recuperación natural e social da lagoa, na que xa se iniciaron as obras de construción de sendas

PortoPiñeiroLagoa1

Valga, 10 de maio de 2023.

O Concello de Valga vén de recibir 600.000 euros de fondos europeos Next Generation para continuar co proxecto de rexeneración ambiental e posta en valor da mina Porto Piñeiro, unha subvención xestionada a través da agrupación turística Mar de Santiago –da que tamén forman parte Vilanova, Pontecesures e Catoira– e que foi aprobada pola Conferencia Sectorial de Turismo celebrada na sede do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Os 600.000 euros aprobados permitirán dar continuidade ás obras de recuperación da antiga mina de extracción de arxila e á dotación de servizos para a súa posta en uso como un novo recurso recreativo e turístico. O alcalde, José María Bello Maneiro, amosou a súa satisfacción pola consecución desta axuda económica para dar un novo impulso a un dos proxectos máis ilusionantes para o futuro de Valga e que marcaría un antes e un despois a nivel turístico para o municipio, diversificando a oferta e apostando por un modelo máis sostible. O rexedor trasladou o agradecemento do Concello tanto ao Ministerio de Turismo, como á Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), entidades que participaron na votación dos proxectos presentados ao programa de Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

Un proxecto ambicioso

A mina Porto Piñeiro era un dos puntos de extracción de arxila vencellados á actividade industrial da empresa de produtos cerámicos Novo y Sierra, desaparecida en 2009. A antiga explotación mineira é actualmente unha lagoa de 5’32 hectáreas formada a partir da acumulación de augas sobre o leito impermeable de arxilas compactadas. En total, todo o ámbito sobre o que se pretende actuar supera os 100.000 metros cadrados.

O obxectivo que persegue o Concello é levar a cabo un proceso de renaturalización similar ao que se realizou na Mina Mercedes, incorporando as ribeiras da lagoa e a súa lámina de auga coma espazo público activo para o goce dos veciños e completando a transformación dunha mina a ceo aberto nun espazo de grande calidade ambiental e social.

Para acadalo, proxéctanse actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre cunha praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, un parque infantil e tamén equipamento para mozos máis maiores; unha zona deportiva e equipamento ciclista (aparcamento e marquesiña para bicicletas e unha estación de mantemento e lavado). Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma sobre a lámina de auga. O orzamento total ascende máis de 14 millóns de euros. "Por imposible que agora pareza, xa temos demostrado que somos capaces de desenvolver grandes proxectos por fases, como se fixo no Auditorio ou máis recentemente co Edificio de usos administrativos", sinala o alcalde.

De feito, as obras na contorna da lagoa xa comezaron nos últimos meses, coa execución do primeiro tramo da senda peonil e ciclable, a instalación dun parque infantil, a dotación de mobiliario urbano e a plantación de diferentes especies arbóreas.

ObrasPPiñeiro1 ObrasPPiñeiro2

ObrasPPiñeiro3

ObrasPPiñeiro3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver