Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A vía para peóns é de xabre e a de bicicletas de formigón, con tiras de pedras fotoluminiscentes que emiten luz nocturna

- No proxecto, que inclúe a revexetación do zona e a dotación de mobiliario e xogos infantís, invístense máis de 500.000 euros

ObraSendaPortoPineiro1

Valga, 18 de abril de 2023.

As obras de construción da senda peonil e ciclable na Mina Porto Piñeiro están avanzadas e permiten xa percibir a transformación que está a producirse na contorna da lagoa como parte do proceso de rexeneración e posta en valor desta antiga mina de extracción de arxila, situada entre os lugares de A Torre (Campaña), Carballiño (Xanza) e O Forno (Cordeiro).

A actuación que se está a desenvolver na zona sur da lagoa, na que se invisten máis de 500.000 euros, consiste na creación dunha senda peonil de xabre e outra para bicicletas con solo de formigón desactivado e, a ambas marxes, senllas tiras de pedras fotoluminiscentes que, pola noite, emiten luz e permiten que os usuarios poidan percibir os bordos da senda para circular con seguridade.

Instalarase, ademais, diverso mobiliario urbano, principalmente bancos e papeleiras nas zonas destinadas ao descanso e tamén está prevista a colocación dun parque infantil con xogos de madeira.  

En clave ambiental, estase a levar a cabo unha restauración da contorna coa aplicación de tratamentos silvícolas e limpezas e rozas selectivas, e unha revexetación con bidueiros, acivros e outras especies autóctonas e árbores froiteiras.

A lagoa Porto Piñeiro abrangue unha lámina de auga de 5’32 hectáreas e o seu ámbito supera os 100.000 metros cadrados de superficie. Esta é a primeira obra que se desenvolve como parte do proceso de renaturalización que se pretende levar a cabo, un proceso similar ao que se desenvolveu na Mina Mercedes, transformando a mina a ceo aberto nun espazo de calidade ambiental e social destinado ao lecer e ao esparexemento.

Para acadalo, o proxecto elaborado polo Concello recolle actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre cunha praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio con xogos de area e auga; unha zona deportiva con pista para a práctica de BMX e Skate, un complexo de fitness outdoor e un percorrido de equilibrio Parkour, así coma equipamento ciclista (aparcamento e marquesiña para bicicletas e unha estación de mantemento e lavado). Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma sobre a lámina de auga.

Trátase dunha iniciativa de futuro para Valga, relacionada con outras actuacións xa executadas ou proxectadas e vencelladas todas ao patrimonio industrial e mineiro da antiga empresa Novo y Sierra: o acondicionamento da Mina Mercedes, o embarcadoiro de Santa Cristina no río Ulla, e a rehabilitación da liña de vagonetas aéreas de Novo y Sierra.

ObraSendaPortoPiñeiro2 ObraSendaPortoPiñeiro3

ObraSendaPortoPiñeiro4 ObraSendaPortoPiñeiro5

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver