Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un auto deste órgano fiscalizador conclúe que as dietas cobradas polo secretario e o interventor teñen cobertura legal e non supuxeron vulneración da normativa

- “Algúns deberían ter a cara moi colorada”, dixo esta mañá o alcalde, que insiste en solicitar ao Consello de Contas que rectifique: “agora con máis razón ca nunca”

RPTribunalContas1

Valga, 11 de abril de 2023.

O Tribunal de Cuentas, o órgano fiscalizador supremo das contas e da xestión económica do sector público dependente das Cortes Xerais do Estado, vén de emitir un auto que desacredita o informe do Consello de Contas de Galicia e avala ao goberno local, xa que conclúe que o cobro de dietas por parte do secretario e do interventor municipais son legais.

O auto dispón que “non hai lugar á incoación do proceso xudicial contable por resultar de modo manifesto e inequívoco a inexistencia de suposto algún de responsabilidade contable, procedendo, coa presente resolución, ao arquivo de todo o actuado”. Engade que “os pagos en concepto de dietas abonados ao secretario e ao interventor teñen cobertura legal e non supuxeron vulneración algunha da normativa orzamentaria aplicable”.

Con anterioridade a esta resolución, o Fiscal informou que “os pagos denunciados coma indebidos estaban legalmente autorizados” e que “as presuntas irregularidades quedaron suficientemente xustificadas, polo que non se aprecian indicios de responsabilidade”, solicitando o arquivo do procedemento.

“Máis contundencia imposible. Moitos, nestes momentos, deberían ter a cara moi colorada”, dixo esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, nunha comparecencia na que explicou o contido deste auto do Tribunal de Cuentas. “Hai uns días pedíamos ao Consello de Contas que, á vista das anteriores sentenzas e resolucións firmes emitidas por organismos superiores, rectificara o seu informe. Que teñamos noticias, non o fixeron aínda, polo que nos reafirmamos, agora con máis razón ca nunca, nesta solicitude” porque o auto “corrobora o que dixemos. Ademais, confirma que a señora Ferreirós minte. Hai unhas semanas, cando saiu o informe do Consello de Contas de Galicia, anunciaba que ía elevar o caso ao Tribunal de Cuentas, pero xa presentara a denuncia hai tempo. Eu, como alcalde, xa fun declarar o ano pasado”.

“Agora, que a señora Ferreirós corra a levarlle esta resolución ao Consello de Contas e ao seu partido. O candidato do BNG que corra a levala ao Parlamento. E o concelleiro das Mareas que corra a levala ao xulgado como levou a semana pasada o informe do Consello de Contas. Se teñen dignidade e sensatez, deberían facelo”, asegurou Bello Maneiro.

O rexedor lembrou que “a denuncia presentada polo señor Castiñeiras sobre o cobro de dietas do secretario e interventor, as comisións de coordinación e sobre contratos de persoal municipal foi arquivada polo xulgado” e lamentou que a oposición insista “en denunciar todo canto fai este goberno ante todos os organismos posibles (xulgados varios, Audiencia Provincial, diferentes fiscais, Consello de Contas, Tribunal de Cuentas, Valedor do Pobo, Defensor del Pueblo...), todo con resultado favorable ao Concello de Valga. Á vista desas sentenzas, tanto o PSOE, coma as Mareas de Valga, coma o Colexio de Secretarios e Interventores (Cosital) quedan totalmente discualificados. O seu único interese é ir todos a unha contra o equipo de goberno”, como en Fuenteovejuna.

“Mentres, nós seguimos traballando e facémolo con feitos, para seguir deste xeito mellorando a vida dos nosos veciños e traballando polo progreso de Valga”, concluíu o alcalde.

RPTribunalContas2 RPTribunalContas3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver