Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A directora xeral de desenvolvemento rural reuniuse cos veciños e propietarios de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi

- A elaboración das bases, cun orzamento de 115.000 euros, sairá en breve a licitación para así dar inicio aos traballos técnicos

ReuniónParcelaria1

Valga, 8 de marzo de 2023.

Uns setenta veciños e propietarios de terreos dos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi asistiron onte á noitiña a unha xuntanza coa directora xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta para coñecer os últimos avances no proceso de reestruturación parcelaria de San Miguel de Valga, un proxecto que no pasado mes de outubro foi declarado de interese público pola administración autonómica e no que está previsto un investimento de arredor de 550.000 euros.

Máis de 40.800 xa se levan investidos nos estudos de impacto ambiental, de viabilidade e de iniciación e o próximo contrato, de 115.736 euros para elaborar as bases da concentración, está a piques de licitarse. A directora xeral avanzou que estará contratado tralo verán e permitirá comezar os traballos técnicos, incluíndo o levantamento topográfico, a investigación da titularidade das parcelas e a clasificación das mesmas. Nesta fase, constituiranse a Xunta Local de zona e o Grupo Auxiliar de traballo, ambos con representación dos veciños, aos que a directora xeral pediu “colaboración” para que o proceso poida avanzar o máis rapidamente posible.

Antes de que remate esta fase de elaboración das bases, e de forma simultánea, iniciarase o deseño da rede de camiños, con vistas á súa licitación. Esta, destacou Inés Santé, será unha das vantaxes do proceso: “actualmente moitas das fincas son interiores, o que lles resta valor, pero despois practicamente todas terán acceso a un camiño público”.

Na reunión, que tivo lugar no local social de Vilares, tamén participaron o subdirector xeral de Infraestruturas Agrarias, Francisco Paz Feijóo, o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e a xefa de servizo María José Pérez Gil, aos que acompañou o alcalde, José María Bello Maneiro.

Expúxose un plano co perímetro da zona de reestruturación, que afecta a unha superficie de 125 hectáreas con potencialidade de desenvolvemento de actividades agrarias. “É unha zona pequena pero complexa”, incidiu a directora, posto que existe un minifundismo importante, con máis de 2.100 parcelas dunha superficie media de 700 metros cadrados e que pertencen a 322 propietarios. Estes tiveron a oportunidade de preguntar aos técnicos as súas dúbidas sobre o proceso.

Tamén se falou na xuntanza sobre a creación, na mesma parroquia, dun polígono agroforestal que estaría dedicado á plantación de viñedo. Os técnicos xa teñen determinada a zona que parece máis favorable entre as dúas que se plantexaran inicialmente e nos vindeiros días enviarán os planos ao Concello para a súa exposición. Ademais, tamén se poderán consultar no local social de Vilares.

Sobre este procedemento, a directora xeral incidiu en que precisa da implicación total dos propietarios das terras, xa que deben comprometerse a poñelas a producir eles mesmos, arrendalas ou vendelas para así garantir que se cumpren os usos establecidos no proxecto.

ReuniónParcelaria2 ReuniónParcelaria3 

ReuniónParcelaria4

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver