Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A nova infraestrutura, de 1’3 quilómetros de longo, está prácticamente rematada e só pendente da colocación de dúas estruturas sobre a PO-548 e sobre o río Louro

- O proxecto conleva a reordenación do tráfico no punto quilométrico 3’9 da PO-548, onde se eliminará un carril para que os xiros se realicen con maior seguridade

VisitaSenda1

Valga, 26 de xaneiro de 2022.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, acompañaron esta mañá ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita ás obras de construción da senda peonil que conecta a estrada PO-548 coa a zona do colexio, pavillón deportivo, tanatorio e igrexa parroquial de Cordeiro. A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a investir neste proxecto 737.000 euros.

A senda dá continuidade á beirarrúa que xa existía na PO-548 e que remataba no punto quilométrico 2’9 –a partir de aí a estrada carecía de espazos reservados para circulación a pé–. A nova vía peonil arranca, polo tanto, nese quilómetro 2’9 e avanza pola marxe esquerda da PO-548 ata o punto quilométrico 3’2. Despois continúa en paralelo a unha estrada municipal ata desembocar de novo na PO-548 á altura da intersección existente no quilómetro 3’9. Dende aquí a nova infraestrutura avanza de novo por estradas de titularidade municipal chegando á zona onde se localizan as instalacións escolares e deportivas. Finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica mediante a instalación dunha nova estrutura, chegará á contorna da igrexa parroquial de Santa Comba. A lonxitude total é de 1’3 quilómetros.

No seu tramo inicial, a senda vai dotada de tubaxes de recollida de pluviais e de abastecemento de augas, prisma de canalización para futuras liñas eléctricas ou de telefonía que se queiran instalar e alumeado.

A execución da senda está practicamente concluída, pero o proxecto aínda está pendente da aprobación dun modificado para proceder á instalación de dúas estruturas, explicou durante a visita Manuel González Juanatey, director da obra. Unha delas é unha pasarela de 22 metros de longo sobre a estrada PO-548. “Tivemos que realizar cambios no proxecto por problemas xeotécnicos e polo tipo de terreo, para modificar a cimentación”, indicou. A outra estrutura, máis pequena, salvará o río Louro. Ambas están xa construídas e a súa colocación só está pendente da aprobación do modificado. “A parte que queda pendente representa un 25% do total e calculamos que a obra podería estar completamente rematada nun prazo de mes e medio ou dous meses”, engadiu o técnico.

Este proxecto conlevará unha reordenación do tráfico na intersección existente no punto quilométrico 3’9 da PO-548 para mellorar a seguridade viaria e evitar que os condutores realicen manobras indebidas. Ademais, aproveitando as obras de reasfaltado que a Xunta está a acometer na PO-548, “modificarase a sinalización dese enlace para eliminar un dos carrís centrais de espera. En lugar de tres quedarán só dous carrís de circulación para garantir a seguridade do tráfico que acceda dende a PO-548 ata esta zona de equipamentos”, explicou González Juanatey.

O alcalde amosouse agradecido coa Consellería de Infraestruturas por “atender a petición do Concello e mellorar a seguridade dos peóns que circulan por esta zona, alumnos do colexio, veciños que van á igrexa ou ao pavillón. A situación anterior era perigosa, con xente camiñando pola beiravía da PO-548, por iso decidimos que parte do trazado da senda non discorrese pola estrada autonómica senón por unha vía municipal paralela na que o tráfico é moito menor e, polo tanto, a seguridade dos peóns vese incrementada de forma notable”.

O delegado da Xunta, pola súa parte, destacou o esforzo que está a facer o Concello para “impulsar itinerarios peonís seguros por todo o termo municipal, e a Xunta está colaborando ao máximo”.

VisitaSenda2 VisitaSenda3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver